Noticias da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística apoia as concentracións en rexeitamento á LOMCE

A combinación explosiva entre o Decreto de “plurilingüísmo” e a LOMCE reduce aínda máis a presenza do galego nas aulas

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela 23/11/2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística apoia a folga no ensino e as concentracións que terán lugar mañá contra a LOMCE e a alerta de que a aplicación desta reforma supón unha redución aínda maior da presenza do galego nas aulas, tal e como vén de denunciar o sindicato CIG-Ensino tras realizar un estudo da carga lectiva que terá cada unha das materias coa aplicación da LOMCE.

Segundo este estudo o alumnado da ESO terá 31 horas de clases en español fronte a 18 horas en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académicas.

Estas modificacións supoñen unha discriminación da nosa lingua respecto ás reducións e limitacións xa contempladas no decreto 79/2010 onde se vetaba o uso do galego en matemáticas, física e química e tecnoloxía.

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, isto agrava a situación xa creada polo goberno da PP na Xunta de Galiza tras a a aprobación unilateral do Decreto 79/2010 contra o galego. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertíu de “que se realmente hai vontade de actuar a favor do galego e aplicar os acordos tomados por unanimidade a favor da lingua propia de Galiza, débese comezar polo máis evidente” que, segundo sinalou, é que a “lexislación educativa desde 2009, vulnera todos os acordos anteriores polo que debe ser modificada”. “A combinación da LOMCE e o Decretazo contra o galego é unha fórmula explosiva contra o galego”.

Neste sentido, A Mesa apoia a folga convocada polo estudantado e a participar nas concentracións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público nas sete cidades e en Cee, Vilagarcía e Carballo, en rexeitamento ás reválidas e á LOMCE.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis