A Mesa Pola Normalización Lingüística apoia o concello de Teo na agresión lingüística que sufriu do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria

A organización en defensa da lingua secunda a petición de demisión do director xeral da entidade, Arturo Fernández Rodríguez, e do seu presidente, Alberto Nadal Belda, e exixe un pronunciamento claro e activo da Xunta a favor da lingua propia de Galiza.

Marcos Maceira: “A oficialidade do galego non pode depender da decisión de fanáticos contra o galego como os que dirixen o IDAE”.

“O presidente da Xunta ten que saír a defender o dereito dos concellos galegos a usar o galego e debe condenar esta mostra de odio e desprezo a Galiza e o galego”

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016-. O Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE) dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, negou unha axuda ao Concello de Teo para un proxecto de alumeado público. O argumento para a negativa da subvención pública foi un dos múltiples documentos da solicitude estar escrito en lingua galega. Tratábase do informe do departamento municipal de Intervención no que se confirmaba que o Concello reunía as condicións financeiras necesarias para participar na convocatoria do IDAE.

Ante as alegacións presentadas polo Concello de Teo, o organismo público estatal atreveuse a considerar como resistencia ás bases da convocatoria a presentación dun documento en galego, obviando que se trata dunha lingua oficial en Galiza, e xa que logo de plena validez.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, declarou que “parece mentira que no ministerio de Industria se priorice o fanatismo  antigalego ante o benestar da veciñanza de Teo” e que esta “ vén ser outra mostra da galegofobia que está a promover o Partido Popular nas institucións públicas”.

Así mesmo Maceira asegurou que o concello de Teo contará con todo o apoio da Mesa Pola Normalización Lingüística, que xa está a tramitar unha queixa a través da Liña do Galego. Hoxe mesmo Marcos Maceira contactou co Alcalde do Concello de Teo, Rafael Sixto para lle manifestar o apoio da Mesa ás accións que tome contra unha decisión “dun racismo lingüístico que debería estar desterrado de calquera organismo público pertencente a un Estado minimamente democrático”.

A Mesa sumouse á demisión do director xeral da entidade, Arturo Fernández Rodríguez, e do seu presidente, Alberto Nadal Belda, e exixíu á Xunta de Galiza un posicionamento claro e rotundo na defensa da lingua de Galiza perante este tipo de fanáticos aos que ademais se lles permite dispor de recursos públicos e utilizalos nas súas cruzadas contra a diversidade lingüística e contra a utilización de linguas plenas e oficiais como a galega. “ A oficialidade do galego non pode depender da vontade de extremistas

Maceira sinalou que este non é un caso illado e lembrou como recentemente a Mesa gañou un recurso contra a Axencia Tributaria que multou á entidade en defensa da lingua por pedir as notificacións en galego. Indicou tamén que, segundo sinalou A Mesa no informe da Liña do Galego de 2015, o 27% das queixas presentadas por vulneración dos dereitos lingüísticos estaban relacionadas coa Administración Xeral do Estado.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra