A Mesa propón aos partidos 6 medidas urxentes a favor do galego para aplicar após o 25-S

A entidade en defensa do galego pede tamén un debate monográfico sobre o galego

Marcos Maceira: “Non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”

  “propomos medidas urxentes, rápidas e eficaces para comezar a reverter o proceso de substitución lingüística. Os partidos débense comprometer con elas e co PXNLG”

Santiago de Compostela 6 de setembro de 2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística fixo chegar aos diferentes partidos que concorren ás eleccións do 25 de setembro, unha batería de seis propostas que a maior asociación cultural de Galiza propuxo xa hai ao actual Presidente Alberto Núñez Feixó sen recibir ningunha resposta por parte deste último. O obxectivo das 6 medidas urxentes é  “que por fin se actúe para reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”.

“Non é máis que unha batería de propostas aparentemente asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas” sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa elaboración contou coa participación de case 1000 persoas representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo”, engadíu.

Para a entidade en defensa do idioma galego, asumir a aplicación inmediata destas 6 medidas é a mellor maneira de demostrar verdadeira intención de cumprir co acordado no Plan Xeral de normalización da Lingua Galega, ratificado por todas as forzas políticas na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega asinada coa Mesa por grande parte das forzas políticas que participarán no proceso de elección do novo Parlamento de Galiza.

Estas medidas reclaman, a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega.

Segundo explicou Maceira, “son medidas sinxelas, con apenas custe, que se poden iniciar mañá mesmo, e que só poden ter un efecto positivo sobre o conxunto do pobo galego, que precisa de coñecemento, información e valorización do propio, a comezar pola súa lingua como principal elemento de cohesión e identificación colectiva”, sinalou, e engadíu que “non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”.

A sociedade galega leva anos protagonizando as maiores mobilizacións de Europa en defensa dunha lingua propia, sen resposta por parte do seu goberno e máximo responsábel. O pobo galego reclama unha mudanza de política lingüística e os seus representantes teñen o deber de atender esta demanda.

 Solicitude de debate público focado en propostas para reverter a situación da lingua galega

Até o de agora “ficaron demostradas as ansias da sociedade por actuar como protagonista para mudar por fin a situación da lingua galega, mais tamén hai unha exixencia clara á Xunta, de que é hora de actuar”.

Por isto, a Mesa pola Normalización Lingüística chamou aos partidos a debatiren sobre a lingua publicamente, na televisión e na radio, para que coñezamos as súas propostas para reverter a situación do galego.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, marcos Maceira, o gaelgo debe estar presente no debate político, mais non para desprezalo, secundarizalo ou excluílo, senón para aportar solucións.

A defensa da lingua galega é tamén a defensa de Galiza no seu conxunto, dificilmente pode actuar a favor de Galiza que non está disposto a actuar a favor de dignificar e repor a súa lingua.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra