Noticias da Mesa

A Mesa repasa a situación do galego e anima a que o voto conte a favor da lingua de Galiza

O futuro do galego tamén depende do voto Marcos Maceira: “Os avances e o desenvolvemento social, económico, político e cultural non son posíbeis de costas á lingua propria”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

 Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016-. A Mesa pola Normalización difunde a través das redes sociais un vídeo-presentación onde repasa a situación do galego a partir dos datos do último estudo do Instituto Galego de Estatística xunto aos datos de uso do galego nos centros de Educación Infantil de Galiza elaborado pola propia entidade en defensa da lingua de Galiza.

 

“Todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real de uso do galego está claramente limitada na práctica”. En moitas ocasións, sinalan desde A Mesa, “coa participación dos poderes públicos, a través da difusión de prexuízos contra o galego ou con accións lexislativas, como se ve no caso do ensino onde o decretazo prohibe o galego nas matemáticas, nas ciencias ou na tecnoloxía; ou na administración pública onde está practicamente ausente de organismos como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social”.

O vídeo presentación repasa ademais as modificacións lexislativas en ámbitos como o ensino, e as críticas reiteradas por parte de organismos como o Consello de Europa ao mal chamado decreto de plurilingüísmo.

Reflectir a mobilización social a favor do galego no voto

“Os últimos anos foron de mobilización da sociedade a favor do noso idioma. O 25 de setembro cómpre que esa mobilización se reflicta nas urnas votando polas opcións políticas comprometidas coa reposición da lingua galega”, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Precisamos un goberno favorábel a Galiza e que polo tanto defenda a súa maior creación colectiva, o idioma.

A entidade social a favor do galego, xa remitiu aos principais partidos que concorren a este proceso electoral, unha batería de 6 medidas extraídas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004 por unanimidade parlamentar, mais cuxa aplicación, 12 anos despois, aínda é unha tarefa pendente.

“Non é máis que unha batería de propostas aparentemente asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas” sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa elaboración contou coa participación de case 1000 persoas representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo”, engadíu.

Para a entidade en defensa do idioma galego, asumir a aplicación inmediata destas 6 medidas é a mellor maneira de demostrar verdadeira intención de cumprir co acordado no Plan Xeral de normalización da Lingua Galega, ratificado por todas as forzas políticas na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega asinada coa Mesa por grande parte das forzas políticas que participarán no proceso de elección do novo Parlamento de Galiza.

Estas medidas reclaman, a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega.

O vídeo-presentación está dispoñíbel na seguinte ligazón:

https://youtu.be/abpGspkvx2o

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis