A Mesa supera a barreira das 20.000 sinaturas en apoio ao galego nas relacións comerciais

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira desprazouse a Vigo para recibir de mans da delegada da CIG-BOSCH Laura Pérez Figueroa 1.000 sinaturas

Amplo apoio entre as traballadoras e traballadores desta empresa, en apoio á ILP Sentido Común que promove a Mesa para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico

Vigo, 28 de xullo de 2017. Neste sentido, Maceira fixo balance do desenvolvemento da recollida de apoios que a Mesa está levando a cabo para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais. A súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua cooficial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

Segundo presidente da Mesa “É de sentido común que calquera persoa se poida expresar na súa lingua propia no seu propio país, e máis se se tratar dunha lingua cooficial como o galego. Porén, en Galiza, isto non está tan claro. Podemos utilizar o galego sempre, mais non sempre recibiremos a atención debida en igualdade de condicións que de falarmos outra lingua, o que é claramente discriminatorio”. 

A Mesa xa superou as 20.000 sinaturas en apoio a esta ILP, segundo Maceira “isto demostra que existe unha demanda social para podermos empregar o galego en calquera ámbito, tamén no socioeconómico, e isto vai animar a moitas empresas a dar sempre a opción de galego nos seus produtos e nas súas relacións coa clientela”.

No ámbito das relacións comerciais apenas existen normas que garantan o uso do galego e as básicas que nin sequera se cumpren. Pola contra, para o castelán, hai máis de 500 disposicións legais que regulan a garantía de utilizar e recibir información nesta lingua. Se o galego é a lingua propia de Galiza e non é menos lingua que outra, o sentido común indica que debemos ter dereito e garantía de uso sempre, en todo e para todo. Nin máis nin menos do que acontece con outras linguas oficiais no mundo. Isto tan de sentido común é o que queremos conseguir coa ILP.

Pola súa banda, Laura Pérez, explicou que esta ILP é moi importante para as traballadoras e traballadores da teleatención, segundo Pérez “só en BOSCH somos máis de 1.500 persoas e estes postos de traballo poden ficar en Galiza se os consumidores e consumidoras demandan atención en galego”. Desde a CIG-BOSCH salientaron o grande apoio que recibiu a ILP neste centro de traballo, pois entenden que a opción de galego permite garantir a cualidade e estabilidade dos postos de traballo nun sector no que existe un perigo de deslocalización cara a outros países.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra