A Mesa pola Normalización Lingüística

Miles de escolares participaron hoxe no Correlingua en Santiago baixo o lema “Galego, a chave do mundo”

A carreira pola lingua discorreu polo casco vello e rematou na Alameda

A edición 2013 do Correlingua -carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos- chegou este martes 14 de maio ás rúas de Santiago de Compostela despois de pasar xa polas localidades de  Ourense, Lugo, Pontevedra, Monforte, Silleda, Bueu, O Rosal, A Coruña e Ferrol.

O Correlingua está a contar coa participación do actor Pepe Penabade, que ao rematar a carreira foi o encargado de presentar, desde o palco da Alameda o acto final do Correlingua. Alí, dúas alumnas do CPI Ponte Carreira interpretaron un poema de Rosalía de Castro musicado por elas mesmas. Estudantes do Bacharelato de Artes do IES Antón Fraguas tamén interpretaron varias pezas adaptadas tamén por eles mesmos e foron os encargados de dar lectura o texto gañador do concurso de manifesto Correlingua 2013 -que nesta ocasión recaeu nos Golgorotos de 4º da ESO do IES A Pinguela de Monforte-. En todas as citas faise entrega tamén do premio de animación da marcha, que nesta ocasión levou o IES Xelmírez II por unha serpe xigante na que se podía ler o lema deste ano: Galego, chave do mundo.

 

No Correlingua de Santiago participaron tamén o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Paulo Filgueiras da Mesa pola Normalización Lingüística que animaron ao alumnado asistente a usar o galego en todos os ámbitos da súa vida. O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

 

Mañá será o Correlingua desprázase a Vigo e o xoves remata en Mondoñedo. A iniciativa está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Mesa pola Normalización Lingüística e os Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 

Manifesto Correlingua 2013

 

A miña lingua é segura,

O falar non ten cancelas

Unha casa  sempre  aberta

Que todos debemos protexer.

A miña lingua  é  miña nai

É honroso ter unha lingua

Fermosa, digna, que abre portas

Que non ten chaves, que nada pecha,

Ela mesma é a chave do mundo.

A miña fala é o máis importante,

Debo honrala cando a uso

Sentirme orgulloso de tela

Por ser o meu carné de identidade.

O galego é unha lingua con historia,

O galego é unha lingua honorábel,

É unha lingua con pasado, con memoria

Con prestixio e con tradición formidábel.

Do seu pasado glorioso no medievo

Debemos sentirnos en débeda

E propoñernos fortemente devolverlle

a importancia que nunca debeu perder.

Loitemos xuntos por fortalecela

Fagamos visíbel esa chave de ouro

Que nos abre todas as portas do mundo,

E ofreceremoslle un futuro digno.

Soñemos que somos os  dignos fillos

Da nai patria que todo nolo entregou,

Defendamos esta cultura e esta fala

Que coas súas bágoas protexeu

E en herdanza nos legou .

O galego é unha lingua con historia,

O galego é unha lingua honorábel,

É unha lingua con pasado, con memoria

Con prestixio e con tradición formidábel.

Sexamos herdeiros merecentes

Da fala de rosalía, do pobo de pondal

Do progueso de curros, da poesía social

De celso emilio, dos contos de ánxel fole,

Da patria que amou o artista castelao,

Da imaxinación prodixiosa de cunqueiro,

Da nova narrativa galega, do  noso teatro,

E até do códice calixtino….

E doutros mil nomes máis da nosa literatura,

Pero non debemos quedar só aquí,

Os soños poden ser realidade.

Debemos saír das tristes tebras,

Das néboas para poder ver lucir o sol.

O galego é unha lingua con historia,

O galego é unha lingua honorábel,

É unha lingua con pasado, con memoria

Con prestixio e con tradición formidábel.

Propoñamos como bandeira

A defensa da nosa lingua

Poñamos a nosa alma en falala

Que o noso corazón sexa o galego,

Que o brillante azul do noso mar

Sexa o brillo da nosa lingua

Sexamos nós valerosos soldados

Que loitan con pacífica arma

Que leda sae dos  nosos beizos,

Non a deixaremos morrer,

Sempre estaremos á súa beira,

Mesmo coa propia vida gardaremos

A importante chave que  temos .

O galego é unha lingua con historia,

O galego é unha lingua honorábel,

É unha lingua con pasado, con memoria

Con prestixio e con tradición formidábel.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra