Nova incorporación a Abertos ao Galego: Airas Nunes, un café e unha empresa de catering no centro de Compostela

Airas Nunes é un café na compostelá Rúa do Vilar, coñecido polas súas tortas, mais é moito máis: un bufé a mediodía e unha empresa de catering

Freire Chico s.l. é unha empresa de hostalería fundada en 1993 que desenvolve a súa actividade desde entón na cidade de Compostela. A actividade hostaleira/hoteleira da familia Freire Chico ten a súa orixe no ano 1960, mais foi en 1989 cando realmente comeza o desenvolvemento do produto puramente hostaleiro coa apertura dun primeiro café no Casco Histórico Compostelá, o Joam Airas, e xa a seguir coa transformación do vello hospedaxe Atlántico, (primeiro negocio hoteleiro da familia), no Airas Nunes café, (1993), ampliado anos máis tarde a café/restaurante, (1997).

 

No corazón da zona vella de Compostela atopamos o Café Airas Nunes, coñecido sobre todo polas súas coñecidas tortas caseiras (de chocolate, de mousse de chocolate, queixo e chocolate e torta de Santiago) e almorzos. Mais desde hai uns anos tamén sirven un bufé a mediodía por 9€. No bufé é posíbel atopar a diario pratos saudábeis e variados. Ademais, é posíbel facer unha tarxeta de prepago, coa que o menú custa 6€.

 

Mais Airas Nunes tamén é un catering que sirve diariamente a comedores de centros de ensino e tamén traballan para eventos e actos (congresos, presentacións, cursos, conferencias).

 

O seu café foi un dos primeiros en ter a carta en galego en Santiago de Compostela, pois os seus responsábeis son persoas claramente comprometidas co idioma. Toda a sinalización e documentación do Café Airas Nunes está en galego, pois é a lingua habitual dos seus propietarios. Moitos dos seus clientes son estranxeiros que visitan Compostela, mais os irmáns Freire Chico teñen claro que o uso do galego non é para eles un impedimento, senón un valor engadido e unha marca de distinción.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra