Nova incorporación a Abertos ao Galego: Comarca 54, tenda de produtos ecolóxicos en Santiago de Compostela

Comarca 54 é unha tenda ecolóxica situada na compostelá Rúa do Hórreo. Nela podemos atopar produtos de alimentación, cosmética e limpeza. Tamén teñen servizo de cafetaría

 

Comarca 54 é unha empresa familiar, pois os seus responsábeis son tres irmáns que decidiron o nome como un xogo coas 53 comarcas galegas. Abriron Comarca 54 coa idea de daren prioridade aos produtos galegos,sempre coa filosofía de venderen produtos respectuosos co entorno e cunha política de empresa que tamén o sexa. Teñen a disposición dos seus clientes produtos de comercio xusto e ecolóxicos e entre as principais marcas galegas están as galletas da Granxa Maruxa, a tenreira de Amorodo ou os iogures da Casa Grande de Xanceda. Ademais, venden tamén importantes marcas como Bionade ou Dr Hauschka.

 

Como di un dos responsábeis, o seu obxectivo é “respecto ao medio, respecto ás persoas, respecto á lingua”, polo que toda a sinalización externa de Comarca 54 está feita en galego por eles (quitando o que lles envían as empresas coas que traballan e que proceden de fóra) e a atención aos seus clientes é preferentemente en galego. Entenden que é un xeito coherente de entender a súa actividade.

 

É posíbel seguir a Comarca 54 no Facebook (https://www.facebook.com/Comarca54?fref=ts), onde deixan información sobre as ofertas que van promovendo semana a semana e os novos produtos que teñen a disposición dos seus clientes e clientas. Están abertos desde as 10 até as 21

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra