Nova incorporación a Abertos ao Galego: Quercus, tenda de agasallos e enmarcado en Santa Cruz (Oleiros)

Quercus é unha empresa familiar, xestionada por Rosa Cernada e Fernando Taboada, dedicada á venda de agasallos e á enmarcación a medida

Aínda que é un comercio pequeno, teñen unha grande variedade de produtos: artesanía (cerámica, bixutería, marroquinería), roupa de muller (algunhas das súas marcas son Rosalita McGee, Mama Tayoe ou Pepita Pérez), camisolas, complementos, papelaría infantil, xogos tradicionais… Ademais, Rosa e Fernando cóntannos que tentan que a selección de produtos sexa de calidade e na medida do posíbel que se trate de produtos de fabricación galega. Así, a maior parte da artesanía que venden é galega, mentres que entre a roupa que teñen podemos atopar camisolas de Caramuxo e Rei Zentolo (tamén membros de Abertos ao Galego).

Por outra banda, teñen tamén á venda unha pequena selección de libros infantís en galego das editoras OQO, Kalandraka e Barafunda.

A respecto do galego, Rosa e Fernando tentan dirixirse aos seus clientes na lingua en que eles e elas lles falan, mais na parte externa da tenda os avisos e anuncios están maioritariamente en galego.

Quercus está na localidade de Santa Cruz (moi perto do centro de saúde), en Oleiros, polo que a súa clientela é maioritariamente deste concello. Mais tamén nos comentan que teñen clientela de toda a comarca da Coruña e mesmo de máis lonxe.

Desde esta semana Quercus é membro de Abertos ao Galego, e decidiron ofertar aos socios e socias da Mesa que se acheguen até alí un desconto dun 10%

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra