Noticias Noticias da Mesa

O Apalpador entrégalle ao goberno español 10.000 sinaturas a favor da igualdade lingüística na nova Lei do Audiovisual

O Apalpador entregou esta mañá na delegación do goberno español na Coruña as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística a prol da igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, dentro da Iniciativa Netflix en galego: queremos todo o audiovisual na nosa lingua.
As persoas asinantes instan a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a incluír as medidas a favor da lingua galega acordadas por unanimidade no Parlamento Galego: que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.
“O Apalpador quere agasallar audiovisual en galego”, explicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “e, por iso, lle fai entrega ao goberno español destas sinaturas que representan a vontade que ten a poboación galega de vivir en liberdade na súa lingua”. “A nova lei audiovisual comezará a se debater en febreiro”, explicou Maceira, “e o único que se sabe dela con certeza é o que di o proxecto: nada de financiamento para producións en galego, nada de dobraxe e lexendaxe en todos os filmes e series”. “Queremos igualdade para todas as linguas”, recordou, “queremos ter opción e liberdade para o galego no audiovisual“. “É posíbel un grande avance”, asegurou, “mais dependerá do que nos activemos e nos mobilicemos para o conseguir”. “Todos os avances para o galego foron conquistas que se acadaron nas rúas”, concluiu Maceira esta mañá na Coruña, “estaremos nas rúas se é preciso para termos galego no audiovisual“.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis