Noticias da Mesa

O Banco Sabadell rexeita unha consulta en galego e pide, en inglés, que se remita en catalán, euskera, español, inglés, alemán ou francés

Compostela, 10 de xuño de 2019.-  O Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística a finais do pasado ano advertía que o Banco Sabadell era unha das poucas entidades bancarias que permitían empregar a lingua galega, tanto na súa web como nas aplicacións móbiles e nos caixeiros. Porén, esta entidade responde en inglés a unha consulta presentada en lingua galega, pedindo que sexa remitida en catalán, en euskera, en español, en inglés, en alemán ou en francés, o que supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Esta resposta indica que o Banco Sabadell acepta calquera outra lingua oficial do Estado e varias linguas doutros países, pero non o galego.
Segundo o recollido no Informe da Mesa, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 “entidades financeiras colaboradoras” ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego. Entre as entidades con convenio público, só Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega contan cunha versión en galego nas súas páxinas web, mentres que BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, Bankia, Caja Rural Zamora, Ibercaja, Targobank e Banca Caixa Geral non ofrecen ningunha versión na lingua propia de Galiza. Abanca, Banco Sabadell e Caixabank ofrecen, tamén, a posibilidade de usar o galego tanto nos caixeiros como na aplicación móbil, aspecto que non cumpre Caixa Rural Galega. Porén, como denuncia agora a Mesa pola Normalización Lingüística, tamén estas entidades vulneran os dereitos lingüísticos da poboación galega ao non aceptar comunicacións na nosa lingua.

“Os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir o dereito a usar do galego, por iso, han de promulgarse medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua como a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que presentou no Parlamento de Galiza en 2017 a Mesa pola Normalización Lingüística” recorda Marcos Maceira, presidente da Mesa. Ademais, ha de contribuírse de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego a asegurar a presenza da nosa lingua e dar exemplo ao facer convenios con bancos que garantan o exercicio do dereito elemental de empregar sempre a lingua propia no propio país.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis