Noticias da Mesa

O centro de atención á infancia Jungle World da Coruña prohibe o uso do galego

A Mesa Pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino denunciaron a persecución e represión que está a sufrir unha traballadora dun centro de atención á infancia da Coruña por empregar o noso idioma nas aulas que imparte

O racismo lingüístico desta empresa chega a tal punto que mesmo remitiu unha circular interna prohibindo calquera comunicación en galego e advertindo que o incumprimento desta orde será considerada “falta grave”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

O pasado día 6, a dirección de Jungle World emitía unha circular na que expresamente prohibe o uso do galego tanto nas aulas como na comunicación coas familias, ademais de esixir a retirada de todo o material escrito na nosa lingua. Para a CIG-Ensino, esta orde, alén de vulnerar os dereitos laborais e lingüísticos máis elementais, constitúe unha represión directa á traballadora Ana Belén Tajes, posto que é a única que utiliza o galego no centro.

Tal e como ela mesma explicou, dende a apertura do centro hai catro anos empregaba o galego -de xeito parcial- nas aulas de música que imparte e na comunicación con determinados pais e nais. Até a emisión da circular non se tiña producido ningún tipo de incidencia motivado polo idioma.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, considera que esta circular reflicte á perfección os prexuízos e o desprezo contra a nosa lingua, “mais tamén unha ignorancia total na medida en que cualifica o galego de dialecto”. Louzao criticou que o centro pretenda afianzar o uso exclusivo do español e o inglés no feito de que parte do alumnado “é estranxeiro”, “como se este non tivera capacidade para aprender o noso idioma”, apunta.

Racismo lingüístico”

Neste senso, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, aseverou que a circular remitida pola dirección do centro “supón un caso paradigmático de racismo lingüístico. A ideoloxía que pretende transmitir ao alumnado é racista e galegófoba”. Maceira criticou que o centro se atreva a prohibir ao profesorado usar o galego, mesmo impedindo a utilización mínima da nosa lingua na aprendizaxe de cancións ou nos carteis, e ameazando con impor faltas graves as traballadoras e traballadoras que incumpran a norma.

“Non só se vulneran os dereitos do persoal, senón que se está vetando ao alumando o dereito a coñecer a lingua propia de Galiza, tal e como se recolle no Estatuto de autonomía”, subliñou o presidente da Mesa. Sobre isto, Louzao insistiu en que este racismo lingüístico vulnera a Lei de normalización lingüística, o Estatuto de autonomía e mesmo a normativa que rexe para a atención á infancia. Máis aínda, o secretario da CIG-Ensino considera que este caso “é a mostra máis palpábel da política lingüística da Consellaría de Educación que alimenta este tipo de actitudes”.

Esta persecución, explicouse na rolda de prensa, xa está denunciada na Inspección de Traballo. De igual xeito, dende a CIG e a Mesa esixen á actuación inmediata e contundente da Xunta de Galiza para que demande do centro a retirada da circular; vele polos dereitos lingüísticos do seu persoal; e reclame á empresa que o trato do noso idioma sexa, como mínimo en pé de igualdade co español.

“A Xunta ten que desautorizar o comportamento deste centro e de calquera que faga este tipo de prácticas”, afirmou Marcos Maceira, quen tamén pediu a retirada de todas as subvencións públicas que poida percibir a entidade. Anxo Louzao pedía, ademais, a retirada da licenza a Jungle World, no caso da empresa non mudar de actitude.

Situacións habituais

Louzao e Maceira agradeceron a valentía da traballadora para denunciar esta situación discriminatoria, xa que non se trata dun caso illado, senón que sucede permanentemente no ámbito laboral, aínda que a maioría das veces non saen á luz polo medo ás represións.

“Precisamos dun escudo social importante para que a lingua non sexa maltratada e eliminar este racismo contra nós mesmos. Vetar a presenza do galego é vetar a existencia de Galiza”, concluía o presidente da Mesa.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis