O Centro Hípico Casas Novas de Arteixo humilla unha nena de dez anos por falar en galego

“Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”, “Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano” son algunhas das frases coas que as monitoras do campamento de verán do Casas Novas se dirixían á pequena, que abandonou o campamento tras unha semana aturando desprezos e humillacións

Marcos Maceira: “É completamente intolerábel que en 2015 os nenos e nenas galegos teñan que aturar este tipo de actitudes racistas, e máis por parte de presuntas “educadoras”, pero o máis incríbel é que os responsábeis do centro asuman como normal este tipo de maltrato aos nenos que acoden aos seus campamentos”

A Mesa “exixe” a intervención da SXPL, que ten a obriga legal de velar polos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e impedir que ninguén, e moito menos as nenas e nenos, sexan discriminados e humillados por falar galego na súa terra

 

Santiago de Compostela, 27/07/2015.- A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar un grave caso de vulneración dos dereitos lingüísticos sufrido por unha nena de dez anos nos campamentos do Centro Hípico Casas Novas de Arteixo.

A nai da rapaza afectada contactou coa Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego, para denunciar a situación que tivo que vivir a súa filla de dez anos. Segundo relatou a súa nai, este verán decidiu matricular a súa filla nos Campamentos de verán que organiza o Centro Hípico Casas Novas de Arteixo. A nena queixouse desde o primeiro día de que a facían sentir mal por falar galego, preguntándolle constantemente de onde era e por que falaba galego… mais esta presión inicial foi a máis por parte das propias monitoras.

A rapaza incomodábase porque a monitora do obradoiro inicial a ignoraba cando interviña ou respondíalle de má maneira cousas como “Te explicas tan mal que no te entiendo” ou “Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”. Tras as primeiras queixas da pequena a nai confiaba en que ao pasar deste obradoiro inicial e comezar coas clases de hípica as cousas mellorarían, mais a segunda monitora confirmou que o problema da nena non era que se “expresase mal”, senón que se expresaba en galego… Deste xeito a nova monitora de hípica non tiña reparo en espetarlle “Yo si te hablo en castellano tu obligación es hablarme en castellano”, ao que a nena respondeu que se ela a entendía non vía que problema había en que falase en galego, porén a monitora insistía: “Aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”.

Despois dunha semana na que a nena se sentía continuamente desprezada e humillada pediulle á súa nai non continuar asistindo ao campamento. A nai da rapaza trasladoulle esta situación a varios encargados do Centro de Hípica Casas Novas e a única resposta que lle deron foi “no le des importancia”, “tienes que entender que aquí no todos hablan gallego” ou “será porque no la entienden”.

Dado que os responsábeis do centro non amosaron ningunha intención de pór solución a esta situación de desprezo e humillación que estaba a padecer a súa filla, a nai afectada accedeu á petición da rapaza de abandonar o campamento mesmo perdendo o diñeiro da matrícula.

A Mesa sinalou que o caso denunciado é sumamente grave, especialmente por se tratar dunha nena de dez anos, e consideraron totalmente inaceptábel que “presuntos educadores” como as monitoras deste campamento poidan ter este tipo de actitudes cara á rapazada e que aos responsábeis do centro non lles caia a cara de vergoña ao saber como tratan os nenos que asisten a estes campamentos: “É completamente intolerábel que en 2015 os nenos e nenas galegos teñan que aturar este tipo de actitudes racistas, e máis por parte de presuntas “educadoras”, pero o máis incríbel é que os responsábeis do centro asuman como normal este tipo de maltrato aos nenos que acoden aos seus campamentos” declarou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Neste sentido Maceira lembrou que ningunha empresa, por privada que sexa, pode tratar á clientela galega como unha “clientela de segunda” nin ofrecerlle un servizo de peor calidade polo feito de falar na nosa lingua. Así, desde A Mesa lembraron que as consumidoras e consumidores galegos teñen dereitos lingüísticos recoñecidos pola lexislación, pois alén das leis que estabelecen a oficialidade do galego e o dereito que temos a usármolo e non sermos discriminadas nin discriminados por facelo (como o Estatuto de Autonomía, a Lei de normalización lingüística ou a Lei 1/2010, relativa aos servizos no mercado interior), na nosa condición de consumidoras a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recoñece no seu artigo 46 uns dereitos lingüísticos mínimos, indicando que:

  1. Os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galiza.

Porén, desde a Mesa salientan que o caso é máis grave que unha mera vulneración dos dereitos do consumidor, xa que esta discriminación afecta aos dereitos básicos da nena, polo que alén de animar a esta familia a interpor unha queixa perante o Instituto Galego de Consumo contra o Centro de Hípica, desde a entidade en defensa da lingua exixiron a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten a obriga legal de velar polos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e impedir que ninguén, e moito menos as nenas e nenos, sexan discriminados e humillados por falar galego na súa terra.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra