A Mesa pola Normalización Lingüística

O cidadán de Vigo que acumulaba 237 días de retraso para unha operación no SERGAS ao fin poderá asinar o consentimento informado en galego

AA Mesa lamenta que para poder exercer con normalidade dereitos lingüísticos básicos haxa que superar antes “as doce probas de Hércules”

Malia ver satisfeito o dereito tan longamente reclamado, o afectado estuda demandar xudicialmente o SERGAS polos danos e prexuízos causados

O cidadán de Vigo que denunciara o pasado 13 de marzo a través da Mesa que levaba 237 días na lista de agarda do SERGAS para unha intervención cirúrxica só por solicitar a documentación necesaria en galego vén de obter ao fin o dereito a asinar o consentimento informado na súa lingua, segundo comunicou á entidade en defensa do idioma.

Este veciño da cidade olívica xa tivera previamente problemas polo mesmo motivo no vigués Hospital de Fátima, de titularidade privada mais concertado co SERGAS, onde alén da negativa inicial a facilitarlle ningunha documentación na lingua propia de Galiza mesmo o chegaran a ameazar con non operalo se non asinaba o consentimento informado en castelán.

Unha vez que a mesma situación se reproduciu no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) o afectado dirixiu en repetidas ocasións queixas a diferentes instancias do SERGAS e mesmo chegou a obter respostas por escrito, como a asinada pola supervisora de atención ao usuario do centro hospitalario, na que practicamente lle negaba o seu dereito a recibir a documentación solicitada en galego.

A Mesa parabenízase pola resolución favorábel aos intereses dun cidadán que sinxelamente solicitou poder exercer os seus dereitos lingüísticos e destaca a “exemplaridade” da súa constancia e firmeza á hora de exixir non ser tratado “como un cidadán de segunda” por solicitar un documento na lingua propia de Galiza.

Non obstante, a asociación presidida por Carlos Callón considera “moi lamentábel” que para poder exercer dereitos civís básicos “plenamente amparados nas leis” haxa que, previamente, someterse “ás doce probas de Hércules”. A Mesa exíxelle á Consellaría de Sanidade que o do paciente vigués sexa “o derradeiro caso” de vulneración de dereitos lingüísticos na sanidade galega e que situacións como a vivida por esta persoa “nunca máis afecten a ninguén”.

O propio afectado, malia ver por fin satisfeito o dereito que levaba tanto solicitando, confirmou que está a valorar coa súa avogada presentar unha demanda xudicial contra o SERGAS polos danos e prexuízos ocasionados.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra