O Comité Técnico de Árbitros e Árbitras exclúe o galego das actas

O Comité Técnico de Árbitros e Árbitras incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia de Galiza vulnerando os dereitos lingüísticos da cidadanía ao non poderen as árbitras e árbitros realizar as actas dos partidos en galego.

Moitas e moitos colexiadas e colexiados veñen reivindicando desde hai moito tempo usar o galego nas actas, xa que aínda que redacten a acta en galego na vista final aparece en castelán, e só mantén as citas literais en galego.

O Comité Técnico de Árbritos e Árbitras que depende da Federación Galega de fútbol , na súa función de colaboradora da administración pública galega, é un importante axente dinamizador para levar a cabo a organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen o deporte en Galiza e ten que incluír o galego na súa actividade administrativa.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza ten como unha das súas principais funcións e cometidos estabelecer as bases de colaboración e o soporte financeiro ás federacións deportivas para o desenvolvemento dos seus respectivos programas de actividades. A Secretaría Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen a responsabilidade de introducir o galego en ámbitos do deporte para contribuír á normalización da lingua galega.

A Federación Galega de Fútbol, con funcións públicas delegadas, vulnera claramente a lexislación vixente sobre a oficialidade do galego e o uso do galego como lingua propia: O Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito. Tamén o artigo 17.1 da Declaración universal de dereitos lingüísticos di  que “Toda comunidade lingüística ten dereito a dispoñer e obter toda a documentación oficial na súa lingua, en forma de papel, informática ou calquera outra para as relacións que afecten aos territorios onde é propia a lingua respectiva” e no seu artigo 17.2 engade que “ Os poderes públicos deben dispoñer de formularios, impresos e modelos en forma de papel , informática ou calquera outra nas linguas territoriais”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira. apuntou que desde a Mesa será enviada unha queixa ao Comité Técnico de Árbitros e Árbitras, á Federación Galega de Fútbol, á Secretaría Xeral para o Deporte e á Secretaría Xeral de Política Lingüística  esixindo que se garanta a presenza do galego nas actas.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra