O Concello de Santiago tenta evitar que haxa manifestación polo Día das Letras

Nunha resolución sorprendente, comunicada 48 horas antes da manifestación, o Concello nega os permisos para colocar palco e megafonía.

Queremos Galego recorreu hoxe mesmo nos tribunais e mantén a convocatoria “con máis razóns que nunca”.

Carlos Callón: “Se nos denegan o palco e a megafonía, usaremos as gorxas para exclamar moi alto polos nosos dereitos”.

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, e que aglutina máis de 700 entidades, encontrouse esta mañá cunha comunicación “sorprendente” do Concello de Santiago de Compostela.

 

Cando faltan 48 horas para a manifestación cidadá en defensa da lingua, o goberno municipal resolve negativamente unha petición “que sempre foi de trámite” para poder colocar un palco, para usar o punto de luz necesario para a megafonía do acto final e para poder colocar unha faixa informativa na Alameda de Santiago de Compostela.

 

Carlos Callón, como presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, asevera que “desde que A Mesa existe, hai 26 anos, nunca nos encontramos cunha resolución tan disparatada para unha mobilización en defensa do noso idioma”. “Quérennos deixar sen voz: temos máis razóns que nunca para erguela e para acudir a Compostela o Día das Letras”, aseverou Callón, quen considera que, “o actual goberno de Santiago ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural e coa liberdade de expresión, como puidemos ver primeiro co Correlingua e agora coa manifestación do 17 de maio”.

 

O Concello denega case todos os puntos solicitados por Queremos Galego baseándose en que “a manifestación coincide coa Ascensión”, excepto a petición do punto de luz preciso para a amplificación do son, na cal non utiliza a escusa das festas, senón que non ofrece ningún motivo. Porén, desde a plataforma sinalan que “parece unha burla querer denegar esa licenza baseándose na Ascensión, xa que non é a primeira nin será a última vez que o día 17 de maio coincide con eses festexos”. O presidente da Mesa di ironicamente que “a culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio”.

 

O Concello coloca todos os obstáculos que pode para esta manifestación, “dentro do seu ámbito de competencias”, mais non pode prohibir o acto, xa que este foi solicitado “en tempo e forma” na Delegación do Goberno. “O que nos deixa estupefactos é que todas estas xestións, que todos os anos son de trámite, se queiran converter agora en impedimento para exercer o noso dereito democrático a manifestarnos”, sinala o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra