Noticias da Mesa

O Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a impulsar o galego no ensino

Segundo o seu Comité de expertos, o  decretazo 79/2010 contra o galego, entra en contradición cos acordos contemplados na Carta Europea das Linguas

 O Consello de Ministros insta á Xunta e ao Goberno Español a cumpriren coas obrigas da Carta Europea das Linguas en relación ao uso do galego en ámbitos como o ensino a xustiza, a administración ou medios de comunicación

 Marcos Maceira: “quen máis o ten que dicir para que Feixó mude a actitude contra o galego?”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016-. O Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas, tratado internacional ratificado polo Estado Español en 2001, vén de facer publico o seu 4º informe sobre o cumprimento  da Carta no Estado Español. Este cuarto informe foi avaliado polo Consello de Ministros do Consello de Europa que á súa vez instou ás autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que sinala a debandita Carta.

O Consello de Europa reafírmase así nas conclusións que xa emitira no anterior periodo, publicado en 2012, considerando que os acordos sobre o tratado internacional non está cumpridos nin na educación infantil, nin na primaria, nin na secundaria, en relación ás limitacións impostas polo Decreto 79/2010 ao uso do galego no ensino.

A este respecto sinalan que o obxectivo de reducir a presenza do galego a 1/3 « entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego ».

Para o ámbito da xustiza tanto o Comité de expertos como o Consello de Ministros instan a goberno estatal e autonómico a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza e na administración.

Para a  Mesa pola Normalización Lingüística a Xunta de Galiza non pode continuar facendo ouvidos xordos ao que lle está a dicir non só a sociedade galega, senón tamén organismos da relevancia do Consello de Europa.

Segundo sinalou o presidente da Mesa Marcos Maceira, para quen este informe “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”, “o galego precisa feitos e accións concretas e non só declaracións de intencións”. “A política lingüística da Xunta é un ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”. O presidente Feixó debe mudar radicalmente o rumo se non quere provocar un dano irreparábel ao noso idioma”. Maceira asegurou que “non o dicimos só desde a Mesa, a sociedade lévallo dicindo ano tras ano e agora, outra vez, dinllo desde o Consello de Europa.”

Lembrou tamén o presidente da Mesa que “o Partido Popular é o partido que goberna en Galiza e que asinou o pasado 15 de xullo unha declaración a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa, na que as principais organización políticas galegas se comprometían a aplicaren os acordos nacionais e internacionais favorábeis a favor do galego”. Para a Mesa “a Carta Europea é un deses acordos incumpridos que compre activar xa para garantir o galego no ensino, na administración, na xustiza, nos medios de comunicación ou nas relacións de consumo”, polo que o presidente da Mesa instou ao Goberno do Partido Popular a cumprir todos e cada un dos acordos en relación ao galego, tal e como lle din desde Europa, e tal e como lle indica unha sociedade que nestes anos estivo permanente mobilizada a favor da súa lingua”.

Como conclusións do informe que fai o Comité de expertos o Consello de Ministros pacta unhas recomendacións.
As seis recomendacións que se lle efectúan ás autoridades españolas (estatais, autonómicas e locais) son as seguintes:
1. Enmendar o marco normativo vixente co obxecto de que sexa claro que os órganos xudiciais penais, civis e administrativos nas Comunidades Autónomas poden levar os procedementos xudiciais nas linguas co-oficiais pola petición de unha das partes.
 2. Continuar implementando as medidas legais e prácticas para que asegurar que unha parte axeitada do persoal xudicial que traballa nas Comunidades Autónomas que ten que aplicar o artigo 9 da Carta ten un coñecemento suficiente das linguas comprendidas.
 3. Continuar implementando as medidas legais e prácticas dirixidas a asegurar unha presenza axeitada das linguas co-oficiais na Administración estatal nas Comunidades Autónomas.
 4. Continuar implementando medidas para asegurar a presenza das linguas co-oficiais nos servizos públicos, especialmente nos servizos de saúde.
 5. Continuar asegurando que a oferta de educación trilingue non afecta de forma negativa á protección das linguas rexionais ou minoritarias.
 6. Considerar a extensión do recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias con recoñecemento de oficialidade en seis Comunidades Autónomas a outras Comunidades Autónomas sempre que nelas haxa un nivel suficiente de falantes.

O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis