O Ministerio de Educación négase a premiar traballos universitarios en galego

Convocamos unha concentración baixo o lema “Liberdade para o galego” a cuarta feira (mércores) 11 de setembro ás 12h diante da sede da delegación do goberno español en Galiza (Praza Ourense 11, A Coruña) para denunciar que o Ministerio de Educación “nega o mínimo recoñecemento do galego”, ao excluír dos Premios Arquímedes os traballos de fin de grao que foran presentados en calquera lingua oficial do Estado, diferente do castelán. “De tal xeito que un Traballo de Final de Grao en lingua galega que merecese a puntuación de sobresaínte ficaría automaticamente excluído dun premio dotado con até 7000 euros, sen chegar a ser valorada a súa calidade”, denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa.

“Esta situación”, recorda Maceira, “engádese a casos anteriores de denegación de bolsas de estudos por achegar certificados de estudos en galego”. O Ministerio nega, deste xeito, a liberdade de utilizar o galego nos traballos científicos. A Mesa exíxelle ao goberno español que “depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán” e que actúe para garantir a posibilidade de uso. “Unha posibilidade”, salienta, “vetada a través das máis de 500 disposicións legais como a convocatoria do premio Arquímedes”.

A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas/os é a maior asociación do galego e un referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Recorda que todas aquelas persoas que se atopen ou coñezan situacións semellantes á discriminación por parte do Ministerio de Educación denunciada hoxe poden tramitar a súa queixa a través da Liña do galego. A Mesa tamén promoveu, o pasado mes de abril, o manifesto Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, xunto a outras organizacións do Estado.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra