Noticias da Mesa

O presidente da Mesa dirixiuse aos reitores das tres universidades galegas para que “tomen medidas ante unha discriminación gravísima e inadmisíbel”

Carlos Callón: “O Goberno español non quere que usemos o galego. Contestemos usándoo de forma máis decidida e consciente!”

A unha das candidatas ao contrato predoutoral admitíronlle en Holanda “sen ningún problema” o mesmo documento en galego polo que a rexeita o Ministerio español

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2013.- O portavoz da Mesa pola Normalización Lingüística enviou unha misiva aos reitores das tres universidades galegas para que tomen cartas no caso do rexeitamento dos candidatos a contratos predoutorais que entregaron un documento en galego.

 

O representante da entidade solicítalle aos reitores que tomen “as medidas precisas para garantir a igualdade de oportunidades dos estudantes formados nas nosas universidades” e que reclamen ao Ministerio de Economía “que cumpra coa Lei e volva a admitir todas as persoas que entregaron documentación no noso idioma”. “Trátase dunha discriminación gravísima e inadmisíbel; dun desprezo consciente ás nosas universidades, ás nosas institucións e á nosa lingua”, afirma tamén na carta o portavoz da maior asociación cultural de Galiza, quen tamén salienta que “a actitude fóbica do Goberno español contra o galego fai que unha persoa formada nunha universidade de Galiza pase a ter menos dereitos e oportunidades para ter un contrato predoutoral”.

 

Carlos Callón tamén apunta que “igual que xa tiñamos constancia de que estes documentos en galego foran admitidos sen problema no pasado por institucións ou universidades arxentinas ou mexicanas, tamén sabemos que o mesmo documento que agora lle rexeita o Ministerio a unha das solicitantes por estar en galego, si foi admitido sen problemas polas institucións holandesas”.

 

Para alén desta carta, o presidente do colectivo cidadán en defensa do idioma de Galiza tamén valora que “o que non quere o PP é que se puider consolidar o galego como lingua de uso oficial, plenamente válido, porque o que ansían é que o único idioma do Estado con dereitos sexa o castelán”. “O seu é un problema de intolerancia cara á diversidade cultural. Mais se o Goberno español non quere que usemos o galego o que nos cómpre facer é usármolo de forma máis decidida e consciente”, apela.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis