A Mesa pola Normalización Lingüística

O presidente da Mesa entrevistarase co Valedor do Pobo o 9 de decembro para lle pedir que interveña no caso das discriminacións do Goberno español contra o noso idioma

A Mesa tamén prepara unha denuncia ante o Consello de Europa, “porque a actuación do Goberno español supón unha grave vulneración da Carta Europea das Linguas”

Carlos Callón: “Mariano Rajoy quere festexar a Constitución española negando a oficialidade do galego e recoñecendo a oficialidade do inglés”

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2013.- A Mesa pola Normalización Lingüística “continúa a facer todo canto está ao seu alcance” para tentar evitar que se consolide a “gravísima discriminación” que é rexeitar os solicitantes para uns contratos públicos porque teñan un documento en galego. Así, esta segunda feira (luns) 9 de decembro, ás 13 h, o presidente do colectivo cidadán en defensa do idioma de Galiza, Carlos Callón, manterá unha entrevista co Valedor do Pobo, José Julio Fernández, para lle expor todos os acontecementos e solicitar a súa intervención. O encontro será na sede do Valedor.

 

Ademais, a entidade tamén está a preparar unha denuncia ante o Consello de Europa, pois “a actuación do Goberno español supón unha vulneración moi importante da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”. Esta acción non interfire coa que eventualmente se poida emprender nos tribunais de xustiza do Estado español para exixir tamén que se cumpra a lexislación interna (como o artigo 36 da Lei 30/1992 ou a disposición adicional sexta da Lei 11/2007).

 

Este tratado internacional sobre dereitos lingüísticos, subscrito polo Estado español por unanimidade no ano 2001, e que desde ese momento fai parte do noso ordenamento xurídico, sinala no seu artigo 7.2 que na lexislación non pode existir ningunha “distinción, exclusión, restrición ou preferencia inxustificada a respecto do uso dunha lingua rexional ou minoritaria cuxo obxectivo sexa desalentar ou pór en perigo o mantemento ou o desenvolvemento da mesma”, polo que todas estas actuacións do Ministerio deben considerarse nulas. Tamén abondan neses aspectos outros artigos da Carta Europea, como o artigo 10 sobre “Autoridades administrativas e servizos públicos”.

 

Callón ironiza con que tales accións discriminatorias do Goberno español se coñezan “nas vésperas do aniversario da Constitución española”, “como se Mariano Rajoy quixese festexar a Constitución do 78 negando de facto a oficialidade do galego e, ademais, recoñecendo tamén de facto a oficialidade do inglés”, xa que os formularios que non se podían presentar nin en galego, catalán nin vasco si foron aceptados sen problema nesoutro idioma.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra