Éxito para o Galego: O TSXG obriga a Axencia Tributaria a garantir o uso do galego

Facenda / O TSXG obriga a Axencia Tributaria a garantir o uso do galego

A Mesa pola Normalización considera “histórica” a sentenza emitida o 4 de abril de 2022 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, declarando nulos os actos administrativos efectuados pola Axencia Tributaria en castelán, despois de que un cidadán galego manifestase querer ser atendido na súa lingua, e ordenando retrotraer as actuacións ao momento anterior á vulneración do seu dereito á escolla lingüística.

O éxito xudicial acadado polos servizos xurídicos da Mesa, dirixidos por Elsa Quintas, supón un reproche á Axencia Tributaria por eludir a vontade inequívoca do administrado a que se comunicasen con el na lingua galega e por baleirar, así, de contido o dereito á escolla lingüística que asiste a cidadanía galega. O Tribunal ten en conta a dilixencia despregada polo administrado a requirirlle á AEAT que lle notificase en galego e ordena a suspensión dos prazos das comunicacións efectuadas en lingua diferente á escollida mentres o ente tributario non cumpra a súa obriga de llas notificar en lingua galega.

Quintas recorda que a Axencia Tributaria ignorara en cada un dos procedementos incoados de oficio as reiteradas solicitudes do cidadán de que lle notificasen en galego as comunicacións e considera un verdadeiro éxito “que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non convalide o pretexto do ente tributario de que se trata de procedementos desconectados entre si”. O TSXG establece, expresamente, na sentencia que “a Administración non pode ampararse nunha división do procedemento para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario”.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza responsabiliza, así, a administración tributaria por non artellar un mecanismo de coordinación dos diferentes órganos que garanta o dereito á escolla lingüística do cidadán, sen necesidade de ter que reiteralo en cada procedemento. Quintas destaca, tamén, que os servizos xurídicos da Mesa puxeron especial empeño ao requirir do Tribunal que o procedemento xudicial se seguise en galego, conseguindo que o TSXG se pronunciase tamén nesta lingua, contribuíndo e avanzando na normalización lingüística da administración de xustiza.

O cidadán afectado, Xurxo Martínez González, director do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, celebra nas súas redes sociais a resolución da loita xudicial que mantivo durante catro anos, acompañado polos servizos xurídicos da Mesa, calificando a sentenza de “verdadeiro triunfo para o idioma galego” e afirmando que “os dereitos (incluso dentro do actual marco) deben ser exercidos até as últimas consecuencias” e que “gañando espazos legais e exercendo dereitos podemos consolidar un stataus de normalidade para o noso idioma”.

As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña do Galego e manifestar as súas queixas ou dúbidas a través do número 981 563 885, do correo-e linhadogalego@amesa.gal  ou da app A Liña do Galego.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra