Noticias da Mesa

Os dereitos lingüísticos de Galiza contan cunha nova protección internacional tras as xestións da Mesa co Consello de Europa

Carlos Callón: “O novo goberno de Feijóo debería rectificar as desfeitas destes anos e pasar a cumprir os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”.

O organismo europeo introduce os dereitos nacionais de Galiza, incluídos os lingüísticos, na súa análise periódica do Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais.

O Consello de Europa pide unha protección plena para galego, catalán e vasco.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Un mes despois de que se coñecese un informe europeo que criticaba con “contundencia” as “políticas contra o galego realizadas nos últimos anos”, o Consello de Europa dá a coñecer un novo documento no cal pide unha maior protección para galego, catalán e vasco e no cal insta as autoridades do Estado a que dialoguen coas entidades que defenden estes idiomas. O presidente da Mesa, Carlos Callón, reclama que “Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo abran ben as orellas e escoiten” e, “con maior énfase”, demanda que o novo goberno de Feijóo “rectifique as desfeitas que el mesmo fixo nestes anos e pase a cumprir cos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”.

 

O Estado español ratificou no ano 1995 o Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais, que ten que ser avaliado de forma periódica polo Consello de Europa. A pesar de todo o tempo transcorrido, resulta “rechamante e mesmo contraditorio” que en ningún dos relatorios emitidos con anterioridade sobre a aplicación deste tratado internacional se tivese presente que no Estado español existen pobos e linguas que non teñen recoñecidos plenamente os seus dereitos, como é o caso do galego, o catalán e o vasco. Porén, tras unhas xestións realizadas pola Mesa no ano 2011, o Consello de Europa pasa a incluír a lingua de Galiza entre as protexidas por este tratado internacional, de forma que o dito Convenio se converte nun novo instrumento para defendermos os nosos dereitos.

 

No relatorio deste ano (que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.coe.int/t/dghl/monitoring/minorities/3_FCNMdocs/PDF_3rd_OP_Spain_en.pdf) o caso galego, catalán e vasco inclúese nos parágrafos 30-33. No Consello de Europa critícase que desde o Estado español non se queira ofrecer o amparo que supón para estes pobos e culturas este tratado internacional, pois “aínda que teñan estatutos de autonomía e a protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, iso non exclúe que se beneficien dunha protección adicional e complementaria” (parágrafo 31).

 

Como primeiro paso para a protección destes idiomas, o Consello de Europa comenta o caso dos territorios falantes de galego que pertencen administrativamente a Asturias e Castela e León. Ademais, insta as autoridades públicas do Estado a que inicien conversas con entidades que representen as linguas galega, catalá e vasca para garantiren que todos os dereitos que lles recoñece o Convenio se cumpren, algo que é notorio que non acontece no caso galego.

 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivera unha reunión en decembro de 2011 co Comité do Consello de Europa para este tratado internacional: Rainer Hoffman (presidente), Olga Butkevych e Aliona Grossu (vogais). Os representantes do Consello amosáranse moi interesados no caso galego e trasladaron o seu especial “abraio” porque en Galiza se prohiban os modelos educativos nucleados na lingua propia, “algo que non se produce en ningún outro estado que subscribise, como o español, o Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais”. Tal e como se constatou na xuntanza, nin tan sequera en Francia existe esa prohibición que si acontece en Galiza desde que goberna Alberto Núñez Feijóo.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis