Noticias da Mesa

“Para evitar dilacións, mellor en castelán”: novo caso de discriminación lingüística da xunta.

 

 

Nun escrito remitido pola Xunta a ADEGA na tramitación da declaración Utilidade Pública desta asociación ecoloxista, a Vicepresidencia e consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza solicita o achegamento da documentación -inicialmente presentada en galego- en castelán, “coa fin de evitar dilacións na tramitación do procedemento”

 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2016-.  A Mesa pola Normalización Lingüística e ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)  veñen de denunciar un novo caso de discriminación, imposición e chantaxe lingüistica por parte da Xunta na tramitación dun expediente administrativo.

A Xunta xustifica a súa petición en que o Ministerio de Facenda, que debe emitir informe, “está a requerir a documentación en lingua castelá”. Cómpre subliñar que o órgano substantivo para resolver este procedemento é a Xunta, e por iso sorpréndenos que sexa a propia administración galega a que inste a usar o castelán fronte ao galego para “axilizar trámites”.

Desde ADEGA e A Mesa lémbraselle  á Xunta o disposto no artigo 36.1 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común:

 “A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Porén o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. (…)”

Á marxe a actitude de discriminación, imposición lingüística e falla de cumprimento da legalidade amosada polo Ministerio de Facenda neste caso, para ADEGA e A Mesa resulta intolerábel o desleixo da Xunta no cumprimento da súa función normalizadora contemplada na Lei de Normalización Lingüística de 1983 e no Plano Xeral de Normalización de 2004.

A administración galega, que debería se a primeira defensora da legalidade e valedora dos nosos dereitos lingüísticos, amósase cómplice coa actitude discriminatoria de Facenda ao promover a utlización do castelán “para evitar dilacións”, nun claro exercicio de imposición e chantaxe lingüística.

Trátase doutro exemplo de que “en castellano, no hay problema”,  mais desta volta perpetrado coa complicidade da mesma administración galega, que precisamente ten a encomenda legal de defender a nosa lingua.

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis