IV Asemblea Xeral da Rede europea para a igualdade das linguas (ELEN) en Barcelona

Ferran Suay, da ACPV, eleito presidente. Marcos Maceira ocupará unha Vicepresidencia

Marcos Maceira: “estamos nun proceso de extranxeirizacón do galego no seu propio país”

 

Barcelona, 5 de novembro.- Tras a recepción ofrecida esta sexta feria (venres) polo president do Govern de Catalunya, Carles Puigdemont, deu comezo hoxe a IV Asemblea Xeral de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas).

A Mesa participou neste encontro representada polo seu presidente Marcos Maceira e por Paulo Filgueiras, secretario de relacións internacionais. No novo Comité de dirección escollido hoxe Marcos Maceira asume unha das vicepresidencias e Ferran Suay de Acció Cultural del País Valenciá resultou escollido presidente.

A IV Asemblea Xeral de ELEN que decorreu no Camp Nou, estadio do Futbol Club Barcelona, foi inaugurada pola presidenta do Parlamento de Cataluña, Carme Forcadell, que destacou que “a pluralidade lingüística é unha riqueza que hai que manter, protexer e pór en valor”.

Pola entidade anfitrioa, a Plataforma per la Llengua, interveu Òscar Escuder que explicou que defender as linguas é “defender a democracia, os dereitos humanos e a cultura e que en Europa non se pode tratar 50 millóns de falantes de linguas minorizadas como se fosen cidadáns de segunda”.

O directivo do FC Barcelona Jordi Moix tamén deu a benvida aos asistentes ao Camp Nou tras explicar que “desde hai 100 anos o catalán é a lingua oficial do Barça” nos documentos dun clube no que “sentimos que o compromiso coa cultura e o país é un valor intrínseco da nosa identidade”.

Na Asemblea da entidades a favor das linguas propias de Europa, debateuse a respecto das accións conxuntas e de apoio mútuo que se desenvolverán nas diferentes institucións europeas para o recoñecemento da pluralidade e a diversidade lingüística. Davyth Hicks, secretario xeral da organización internacional destacou como ´o desprezo e a discriminación das linguas minorizadas é unha forma de racismo tal e como sinala o Consello de Europa´.

A respecto de Galiza Marcos Maceira, denunciou o retroceso legal que está a sufrir o galego sobre unha situación legal xa precaria e que impide exercer o dereito básico a vivir en galego. Para Maceira “estamos nun proceso de extranxeirizacón do galego no seu propio país”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra