Pedímoslle á Real Academia Galega que o 17 de maio de 2021 sexa dedicado de novo a Carvalho Calero

Recordámoslle á entidade responsábel da elección do adicatario desta data que a crise provocada pola Covid-19 interrompeu grande parte dos actos previstos para a difusión, valorización e coñecemento público da figura e da obra do autor e que as medidas de distanciamento social fan que sexa imposíbel polo momento propor alternativas

Compostela, 13 de abril de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle esta mañá formalmente á Real Academia Galega que “alongue” ao 2021 a dedicación do Día das Letras galegas a Ricardo Carvalho Calero. A entidade de defensa da lingua recórdalle á RAG, entidade responsábel da elección do adicatario desta data, que a crise provocada pola Covid-19 interrompeu grande parte dos actos previstos para a difusión, valorización e coñecemento público da figura e da obra do autor galego, sen que sexa posíbel polo momento propor alternativas.

Estamos a vivir unha crise sanitaria de graves consecuencias en todos os planos da vida social, económica e cultural, coa paralisación obrigada de toda actividade para evitar a expansión da epidemia. O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralisada e isto afecta de igual maneira ao amplo abano de actividades, homenaxes e recoñecementos por todo o país ao autor homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2020. “Estamos diante unha situación excepcional que obriga a decisións excepcionais”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, na carta remitida esta mañá a Vítor Freixanes, presidente da Real Academia.

A adicatoria do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero foi motivo de celebración por grande parte das entidades sociais e culturais de Galiza polo merecemento do autor e por ser reclamado por moitas destas entidades, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística, desde había moito tempo. Todo este tecido social que pula día a día polos avances na normalización da nosa lingua coincide na relevancia da personalidade e ampla obra de Carvalho Calero para o obxectivo común da dignificación e plena reposición do galego en todos os ámbitos. A Real Academia Galega anunciou recentemente o adiamento dos actos oficiais do Día das Letras Galegas para o 31 de outubro, no que ademais se celebra o 110 aniversario do nacemento do autor homenaxeado en 2020, Ricardo Carvalho Calero.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra