Noticias da Mesa

Presentan manifesto animando á participación na mobilización do 17 de maio

Entre os asinantes deste manifesto están o adestrador Fernando Vázquez, os escritores Suso de Toro, Margarita Ledo, Bernardino Graña, Manuel Rivas, Begoña Caamaño, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Marta Dacosta, Xabier Docampo, Yolanda Castaño, Nacho Taibo, Pilar García Negro, Francisco Pillado e Carlos Taibo, os músicos Mercedes Peón, Uxía, Projecto Mourente, Guadi Galego, Mini e Mero, Xurxo Souto, Magín Blanco e Tonhito de Poi, os actores Chisco Amado, Isabel Risco, Laura Ponte e Quico Cadaval e o humorista Xosé Lois González O Carrabouxo.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Hoxe deuse a coñecer un manifesto de apoio á convocatoria de manifestación realizada por Queremos Galego para mañá so o lema “Non queremos ser estranxeiras na propia patria”, que parafrasea un verso de Rosalía de Castro no día en que se fan os 150 anos da publicación do primeiro libro contemporáneo monolingüe en galego, os Cantares gallegos.

 

MANIFESTO

 

“NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA. QUEREMOS GALEGO”

 

O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.

 

Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M, entre eles:

 

– Un goberno galego que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir. Un goberno que emitiu un Decreto que mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística.

 

– Un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así é burlado de xeito tan esperpéntico como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que el mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.

 

– Un Estado que abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela.

 

– Un día a día no que ben percibimos que o galego non se ten en conta, do mesmo xeito que non se ten en conta que é a lingua propia de Galiza, que falamos miles de persoas, e na que queremos vivir con normalidade. Un último e recente exemplo: agora non podemos viaxar pola AP-9 e ler as sinalizacións das peaxes en galego. O único sinal que na nosa lingua existía foi “traducido” hai escasos días.

 

           – Unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis