Queremos Galego anima en Lugo a mobilizarnos “pola lingua que nos une”

A escritora Marica Campo fixo unha chamada a acurdirmos o domingo día 27 a Santiago de Compostela “a reivindicar a escola que precisamos para seguirmos a ser e existir”

A Plataforma cidadá porá a disposición dos lucenses un autobús gratuíto para asistiren á manifestación.

Esta mañá, a Plataforma Queremos Galego ofreceu unha rolda de prensa en Lugo, na Galería Sargadelos, para informar da manifestación que baixo o lema “Pola lingua que nos une” se celebrará en Compostela o vindeiro domingo 27 de xaneiro, con saída ás 12 da mañá da Alameda compostelá. 

 

Para os lucenses que desexen ir a Compostela, Queremos Galego porá a disposición un bus gratuíto que sairá ás 10 da mañá de diante do edificio sindical, no que se deben apuntar antes nos teléfonos 982-225812 ou 982-280410. 

 

No nome de Queremos Galego informou Marica Campo, que estivo arroupada por membros de diversas asociacións que conforman a plataforma como: BNG, AC Valle Inclán, CIG, Galiza Nova, ADEGA, Cultura do País, Madia Leva ou AELG.  

 

Marica Campo afirmou no seu manifesto que “a lingua non é unha peza máis da nosa personalidade colectiva, da nosa condición nacional, é a que nos identifica claramente como galegos e galegas. O uso normal da nosa lingua pertence ao catálogo de dereitos humanos básicos. 

Porén, a historia do galego desde moitos anos atrás é unha historia marcada pola falta de institucións públicas ao seu servizo. Hoxe hainas na teoría, mais na práctica están a executar non unha política de promoción, expansión e recoñecemento, senón de recorte e de fomento da súa ausencia. Isto é inconcibible nun goberno que existe, entre outras cousas, grazas á lingua galega. 

 

Non podemos estar a celebrar os 150 anos da publicación do primeiro monumento da literatura contemporánea, como é Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, e pasar por alto que esa gloriosa historia de recuperación do galego iniciada hai século e medio se ve hoxe truncada por un decreto como o do ensino galego que impide directamente o uso da nosa lingua en varias materias. Tampouco podemos deixar de denunciar como se desobedecen sentenzas de tribunais superiores, de ámbito nacional e mesmo europeo, relativas ao tratamento que se lle ten que dar á nosa lingua no ensino. 

 

O lema baixo o que se convoca a manifestación do domingo, “A Lingua que Nos Une”, é expresivo mesmamente do maior vínculo social que temos as galegas e os galegos ao noso dispor. Non hai peor división clasista que a que vén dada no mesmo territorio e na mesma sociedade polo uso de dúas linguas con categoría diferente. Vivir en Baralla, Piúgos ou Lugo capital non pode determinar a lingua que usamos. O galego ten que ser rural e urbano, privado e público, íntimo e social, individual e colectivo. Non podemos, como adoito repetir, vivir en casa alugada tendo casa propia. 

 

Non hai mellor proba de amor á lingua que usala para todo, non só nese uso ritual e limitado que lle queren reservar os que, aínda querendo aparentar outra cousa, actúan contra dela. Descoñecen, con culpa ou non, que a nosa supervivencia está ligada á dela. 

 

Por iso, en nome de Queremos Galego, fago a chamada a acudir o domingo día 27 a Santiago de Compostela a reivindicar a escola que precisamos para seguirmos a ser e existir”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra