Noticias da Mesa

Queremos Galego convocará manifestación nacional o 17 de maio en Compostela

Así o acordou unanimemente o seu plenario nacional, reunido onte para acordar novas accións da plataforma cidadá unitaria que impulsou e coordina A Mesa

Carlos Callón: “Non merecemos un goberno que dedica máis tempo a atacar o noso idioma que a resolver os problemas”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

O plenario nacional da Plataforma cidadá Queremos Galego, que baixo o impulso e coordinación da Mesa pola Normalización Lingüística agrupa máis de 700 entidades sociais de todo tipo e miles de apoiantes a título persoal, acordou na reunión celebrada na tarde de onte convocar manifestación nacional para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

O presidente da Mesa e portavoz da plataforma, Carlos Callón, sinalou que “hai demasiados motivos para nos movermos, porque a caza de bruxas contra o noso idioma se agudizou nestes tres anos de lexislatura e as vulneracións dos nosos dereitos lingüísticos son cada vez maiores”. “Mesmo se ataca o máis básico, como é recoñecer que o galego é a lingua propia de Galiza”, denunciou.

Callón alenta ao “conxunto da sociedade con sensibilidade polo idioma galego, fáleno ou non” a participar na marcha do Día das Letras, porque “non nos merecemos un goberno que dedica máis tempo a atacar o noso idioma que a resolver os problemas que temos a nivel económico, cultural, educativo, etc.”.

A proposta de manifestación achegada ao plenario contou co apoio unánime do máximo organismo decisorio de Queremos Galego, que entende a necesidade de seguir a responder socialmente os maiores ataques contra a lingua e a cultura propias en toda a actual etapa autonómica.

Nos próximos días a plataforma cidadá concretará un intenso calendario de actos previos en localidades e comarcas de toda Galiza para as semanas previas á mobilización.

A manifestación celebrarase o 17 de maio e partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela, como é habitual.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis