Noticias da Mesa

Queremos Galego ironiza con que “é a primeira vez na historia en que alguén recorre unha sentenza que di que gañou”, en referencia ao recurso da Xunta ao Supremo

Carlos Callón: “Primeiro, o dereito a non escoitar galego na escola. Despois, o dereito a non escoitar a teoría da evolución”.

Esta mañá reuniuse o plenario da plataforma Queremos Galego para se preparar cara á manifestación do 27 de xaneiro.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Esta mañá reuniuse en Santiago de Compostela o plenario de Queremos Galego, unha plataforma impulsada e coordinada pola Mesa e que nestes momentos conforman máis de 700 entidades de todo tipo, unidas para defenderen a lingua de Galiza.

En referencia ao proxecto educativo do Goberno central, o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, valorou nesa asemblea que “primeiro o PP quere garantir o inverosímil dereito a non escoitar galego na escola, mais se conseguen iso, que ninguén se estrañe de que o seguinte paso que poida forzar o núcleo dirixente deste partido será inventar o dereito a non escoitar na escola a teoría da evolución”. “Porén, non existe o dereito á ignorancia: á escola vaise para aprender”, sinalou.

Na reunión, Queremos Galego abordou as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o decretazo “do mal chamado plurilingüismo” e os participantes chamaron a atención sobre “a capacidade de mentir dos gobernantes da Xunta, pois mentres queren enganar a sociedade dicindo que gañaron as sentenzas, están a recorrelas nos tribunais”. “Ha de ser a primeira vez na historia en que alguén que di que gaña unha sentenza decide recorrela”, ironizou a coordinadora da Xestora de Queremos Galego, Susana Méndez.

En Queremos Galego observan con especial preocupación “a progresiva redución do idioma propio no sistema educativo, até convertelo en estranxeiro no propio país en moitísimos centros”. Por iso están a recoller apoios para un manifesto (dispoñíbel en www.queremosgalego.org) e atenderon nesta xuntanza diferentes cuestións para prepararen a mobilización nacional do vindeiro 27 de xaneiro “en defensa do galego na escola, pola derrogación do decretazo e pola paralización da lei da wertgoña”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis