Noticias da Mesa

Queremos Galego reivindicará a lingua como a  garantía de futuro do pobo galego este 17 de maio.

Manifestacións e concentracións encherán rúas e prazas de diferentes cidades e vilas galegas.

Marcos Maceira: “cómpre manter a resposta social, o activismo diario e a mobilización para que se produza a mudanza a favor do galego”

“A lingua galega non precisa propaganda hipócrita orientada a rebaixar acordos unánimes. Precisa accións reais e inmediatas para podermos vivir en galego con total normalidade”.

Santiago de Compostela 22 de abril de 2015-. A plataforma cidadá Queremos Galego, presentou hoxe aos medios de comunicación os actos que terán lugar en diferentes cidades galegas o 17 de maio ás 12 do mediodía, e xa confirmados na Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo e sobre os que se irán dando máis datos a través da web www.queremosgalego.org e as redes sociais. A convocatoria terá lugar baixo o lema Galego, garantía de futuro, porque, segundo indicou Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá, a existencia e a normalidade da lingua galega é a garantía da existencia e do futuro do pobo galego, lembrando que ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua.

Para os representantes de Queremos Galego, o actual goberno da Xunta actúa irresponsabelmente en relación ao noso idioma, lexislando contra el por primeira vez na historia, reducindo a súa presenza no ensino e o prohibíndoo para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía, e ademais, segundo indicou Maceira, “por acción ou omisión, a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na educación infantil, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís, entre outros”.

“Despois da masiva manifestación do 8 de febreiro, a única resposta que obtivo a sociedade galega foi un anuncio propagandístico, con máis nome que conteúdo”, en referencia ao Documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, anunciado onte polo goberno galego e que malia as reiteradas solicitudes de envío por parte do portavoz de Queremos Galego á Secretaria Xeral de Política Lingüísitica, tivo que obter case clandestinamente, segundo afirmou.

Para Queremos Galego, “a lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela, aprobadas unanimemente hai 10 anos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que non só está sen activar senón que ademais toda a acción de goberno nos últimos 6 anos foi na súa contra”. Para o portavoz da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “dá a sensación de que é un anuncio máis para rebaixar na práctica o conteúdo do xa acordado por unanimidade en 2014, algo que non consentiremos”.

“Se o goberno galego realmente quixese comezar a traballar a favor do galego, comezaría por derrogar o decretazo do ensino, e deixaría de proscribir o termo “normalización” como está a facer, malia ser o termo empregado polo Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística e o PXNLG. Faino porque é un termo indicativo da vontade de actuar para que a lingua propia de Galiza teña unha desenvolvemento plenamente normal”, engadíu.

Queremos Galego fixo , por último un chamado ao conxunto da sociedade a mobilizarse o 17 de maio, mais tamén nos días previos e a partir desa data. O pobo galego ten que ser o protagonista da reposición e normalización do seu idioma en todos os espazos e lugares e para todos os usos, activándose os 365 días dos ano.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis