Noticias Noticias da Mesa

Rendémoslle homenaxe a Carvalho Calero, no seu Día das Letras

Queremos Galego realizou esta mañá en Compotela unha ofrenda floral diante da estatua homenaxe de Carvalho Calero, onde representantes da entidade deron lectura do manifesto do Día das Letras 2020. Participaron na lectura Ana Rodiño (da CIG), Ana Pontón (do BNG), Mercedes Espiño (da AC O Galo – Federación Galiza Cultura), Anna R. Figueiredo (da AELG), Patricia Varela (da AS-PG) e Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización.

Maceira recordou como Carvalho Calero se preguntaba, en 1983, sobre a lingua propia de Galiza, “se ningén ten o deber de coñecé-la nen de estudá-la, por que se chama língua oficial? Porque podo usá-la, se quero, perante as autoridades autonómicas?. “Segundo tal criterio”, aseguraba o mestre, “na práctica o galego seria unha língua para obxectores de conciéncia. O galego seria no seu uso unha obxección de conciencia. Asi como aos secuaces de certas seitas relixiosas se lles dispensa do uso de armas, asi os secuaces da seita galeguista se lles dispensaria o uso da língua estatal”.

“En 2020”, recorda o voceiro de Queremos Galego, “a nosa lingua continúa a ser lingua de obxectores”. E detalla que menos do 5% das sentenzas son na nosa lingua, sen requisito de coñecemento do galego na xustiza ou na Administración xeral do Estado; menos do 1% dos seguros; só hai un xornal impreso en galego e só o 4% da oferta televisiva é na nosa lingua, sen opción a lexendaxe e sen dobraxe. “Menos do 8% das aulas en infantil son en galego”, afirma, “co resultado de que o 25% das e dos menores de 15 anos din non saber falar a nosa lingua, a súa lingua”.

“Non precisamos consecións amábeis”, denuncia, “precisamos liberdade plena para vivirmos en galego, sempre e en todo lugar. Dereito e deberes correspondentes. A lingua é reflexo do que somos como pobo e da nosa situación. Por iso precisamos do galego, para avanzarmos no desenvolvemento social, económico e cultural”. “Precisamos do galego”, remata, “porque o galego é xustiza, é igualdade e é cohesión social”.

As xanelas e varandas de Galiza amosan hoxe, 17 de maio, a bandeira galega e cartaces co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión deseñados pola plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades. Nas redes sociais, son tendencia dende o mediodía as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #Eufalogalego.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis