Deporte en galego / Revista de fútbol “O Dez”

Presentámosvos a revista de fútbol totalmente en galego.

Algunhas persoas consideran a cultura e o deporte como algo antitético pero na Revista O DEZ cren que ese suposto antagonismo reside máis no pensamento deses individuos que na realidade. Cinguíndonos ao fútbol, este número é unha mostra de que algunhas das mellores mentes deste país, os homenaxeados no Día das Letras Galegas, non foron, nin moito menos, contrarios a este deporte. Algunha que outra cabezada ao balón deberon dar Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares e Luís Pimentel nos equipos en que militaron. Con moito gusto deberon ver desenvolverse aos futbolistas Antón Losada Diéguez, no cargo de presidente do Eiriña, e Valentín Paz Andrade, exercendo de secretario no Pontevedra Athletic. As caricaturas de xogadores realizadas por Castelao amosan que foi un espectador interesado nesta práctica deportiva. Pola súa banda, Manuel María deixou unhas estrofas para a posteridade no himno do Lemos monfortino. Todos eles, próceres do noso país, vían con bos ollos a práctica deste xogo.

Como dato curioso salientamos que a Villar Ponte non lle gustaba o futbolismo que había na sociedade, mais o seu fillo Chao foi un destacado xogador do Deportivo. Hai poucas mulleres que acadasen o recoñecemento do Día das Letras e por cuestións de idade resulta complicado achar algunha que tivese ligazón futboleira, pero si demos cun equipo feminino en Ourense que leva con orgullo o nome de Rosalía para honrar a nosa insigne escritora.

Dixemos dende o primeiro día que o apartado cultural ía ser de grande importancia nesta publicación e este número é unha mostra máis do noso compromiso. É unha mágoa que haxa institucións que non lle dean valor a este tipo de traballos que realizamos e agradecemos a aquelas que nos apoian con publicidade, así como ás empresas privadas que decidiron contar con nós para anunciarse.

O que foi tema de portada, baixo o título O meu ídolo futbolístico, vai ser agora unha sección fixa en que os literatos nos acheguen a figura dun xogador que os engaiolase e, claro, Diego Armando Maradona, falecido o pasado mes de novembro, non deixou indeferente aos amantes do fútbol e a súa pegada dá para facer moita literatura.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra