Noticias da Mesa

Sae do prelo o segundo número da revista de banda deseñada A viñeta de Schrödinger

A segunda entrega da revista de BD que coeditan A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG chega ás librarías e aos fogares das persoas subscritas

Compostela, 11 de febreiro de 2019.- As librarías do país xa están a recibir a segunda entrega de A Viñeta de Schrödinger, a revista de banda deseñada en galego que coeditan a Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG desde o pasado mes de maio. A publicación, que dirixe Kiko da Silva, acolle neste segundo número historias dalgúns dos autores e autoras de máis relevo no panorama da banda deseñada do país, como Miguelanxo Prado, Fran Bueno, Kiko da Silva, Kohell, Fernando Llor, Zaida Novoa, Miguel Rojo, Pablo Prado, Fonso Barreiro, Aldara Prado, Joan Casaramona, Miguel Porto, Victor Rivas, Antonio M Fraga, Miriam Iglesias e Fernando Ruibal, ademais dunha entrevista a Albert Monteys feita por Roberto M. Sotomulo. O autor da capa é Miguel Robledo.
A Mesa leva tempo preocupada pola ausencia do galego en diversos ámbitos como o audiovisual, o empresarial ou o editorial, polo que decidiu promover esta publicación de boa calidade, en galego, para a mocidade do país, que se viu afectada no pasado coa desaparición de publicacións e experiencias anteriores no mundo da banda deseñada.
“A lenda da BD galega di que rara é a revista que supera o número 1”, afirma o editorial do segundo número d’A Viñeta de Schrödinger, “a maior parte das veces as publicacións de banda deseñada rematan pechando”. “A incerteza de que esta revista estea viva ou morta”, remata o texto de presentación, “depende tamén dunhas moedas, porque o certo é que temos que empezar a pensar que a cultura, para existir, tamén precisa cartos”.
A viñeta de Schrödinger é unha revista trimestral de banda deseñada galega de 32 páxinas a toda cor, cun tamaño 17×24 cm e encadernada con lombo recto. Ten un prezo de venda de 5 euros, 4’50 euros para as socias/os da Mesa, e foi seleccionada polos/as lectores/as do web Fervenzas Literarias como o segundo mellor proxecto de banda deseñada do pasado ano.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis