Noticias Noticias da Mesa

Santiago acolle a próxima semana a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollerá os días 12 e 13 deste mes a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), na que participarán de maneira presencial 35 delegadas e delegados en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos e que contará coa presenza virtual de Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

A Asamblea Xeral de ELEN, que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística, contará na súa sesión inaugural, o venres 12 de novembro, coa actuación de Guadi Galego e coa presenza de personalidades do país e mais do resto de Europa, como Vesna Crnić-Grotić, presidenta do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias.

O secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, agradece a colaboración da Universidade de Santiago e do Museo do Pobo Galego na celebración da Asamblea Xeral en Galiza, “un país  cun amplo movemento social que loita pola súa lingua e cunha entidade social de importancia vital como A Mesa pola Normalización Lingüística”.

As delegadas e delegados de ELEN tratarán, entre outros temas, a cuestión do galego, do euskara e do catalán na Lei do Audiovisual do Estado español; a crise en Francia despois da sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac, que socava a inmersión lingüística na educación, e a apelación presentada ao respecto por ELEN perante a ONU; a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e cando chegará ao Parlamento británico; e o fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

A fotografía é da última Asamblea Xeral celebrada de xeito presencial en Dublín

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis