Segundo a Deputación da Coruña, a volta ciclista pasará hoxe por *Puentedeume e o *Puente de las Pías

A Mesa denuncia unha nova agresión ao noso patrimonio toponímico por parte da Administración

Marcos Maceira: “Chama escandalosamente a atención a exclusión do galego en toda a cartelaría pagada con fondos públicos que inza Galiza estes días con motivo do evento deportivo”

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2014.- A Mesa denunciou esta mañá unha nova agresión á nosa toponimia por parte da institución que preside o popular Diego Calvo.

 

Segundo o itinerario da etapa da volta ciclista colgado na páxina web da Deputación da Coruña, a etapa da Volta que sae hoxe de Ortigueria en dirección á Coruña pasará polos inexistentes *Puentedeume e Puente de las Pías.  (http://www.dicoruna.es/files/5414/0403/7603/etapa-17.pdf)

 

Para a asociación en defensa da lingua resulta extremadamente grave que a propia Administración, que debería velar pola protección do noso patrimonio cultural, sexa quen teime na deturpación da nosa toponimia, con actitudes que deberían estar superadas desde hai décadas.

 

Neste sentido, A Mesa lamentou o que considera unha mostra máis da “minusvaloración do noso” e do “desprezo cara á cultura galega que está a caracterizar o mandato de Diego Calvo na Deputación da Coruña”.

 

O presidente da maior asociación cultural galega lembrou que a toponimia “é un patrimonio inmaterial que atesoura parte da historia do pobo galego, cuxa deformación e hibridación é “unha das secuelas visíbeis do proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural que o idioma da Galiza leva séculos padecendo”.

 

 “Xunto á deturpación da toponimia chama a atención escandalosamente a exclusión do galego de toda a cartelaría que inza Galiza estes días con motivo do evento deportivo, moita con financiamento público, ou os sinais de tránsito que a Deputación coruñesa está a instalar sen unha palabra en galego” indicou Marcos Maceira.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra