A Mesa pola Normalización Lingüística

Sentenza do TSXG: O galego terá que regresar á educación infantil das cidades

O TSXG tomba o artigo do “Decretazo contra o galego” que supuxo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades.

O Tribunal considera que debería outorgárselle ao galego “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable”.

Carlos Callón: “O decretazo contra o galego é ilegal nos seus aspectos fundamentais, polo que se impón a súa derrogación e que a Xunta retome o camiño da normalización lingüística”.

Pódese consultar a sentenza na ligazón: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Sentenza+Decretazo+contra+o+galego

Esta tarde coñeceuse a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o recurso contra o “decreto do plurilingüismo”, chamado polas comunidades educativas como “decretazo contra o galego”. A pesar de que son varias as demandas presentadas contra esta norma legal, o TSXG informa hoxe da realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, xa que foi tamén a primeira en se interpor. Unha vez que o Tribunal considera que esta norma promulgada por Alberto Núñez Feijóo é “ilegal” nos seus aspectos fundamentais, o presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que se “impón a derrogación total do decreto e que a Xunta retome o camiño da normalización lingüística”.

 

O TSXG admite que son contrarios a dereito dous dos artigos claves desta norma legal imposta polo PP contra o criterio de todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e (excepto unha) todas as asociacións de nais e pais de Galiza. O aspecto fundamental desta resolución xudicial é que se tomba o artigo 5.2 do decreto, relativo á consulta en educación infantil. O TSXG afirma con contundencia que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. “Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”, sinala o TSXG. Así, nestes momentos o 96% dos centros de educación infantil das cidades declaran que non utilizan o galego mercé a este artigo, mais a situación muda despois da resolución xudicial. Por iso desde A Mesa afirman con “enorme satisfacción” que “o galego terá que regresar á educación infantil das cidades”.

 

O TSXG tamén elimina o artigo 12.3 ao que cualifica como “ilegal”, xa que permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo, contradí aquel mandato, xa que non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo”. Hai que lembrar que o principio de que nas materias que se impartan en galego deba utilizarse a lingua galega foi un dos elementos centrais en que se centrou o PP para atacar o decreto de 2007. Porén, este principio que o TSXG considera o único admisíbel legalmente non estaba só no decreto de 2007, senón que figuraba tamén en toda a lexislación autonómica anterior, até que a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo decidiu impor un principio que, ademais de ilegal, vai contra todo criterio pedagóxico.

 

Noutros aspectos do articulado do decreto, aínda que o Tribunal considera que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais, avalía máis decisións políticas cuestionábeis outras das decisións adoptadas pola Xunta.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra