Un videoclip desde Carballo para celebrar os aniversarios en galego

Este mércores, 11 de febreiro, o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo acolle a presentación da canción e do videoclip Parabéns para ti, impulsado conxuntamente pola Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo coa finalidade de promover que se celebren os aniversarios en galego

Parabéns para ti / nesta data querida / Moitas felicidades / Moitos anos de vida. / Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti miña vida /      unha salva de palmas!

 

Para facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e feliciten os aniversarios en galego, impulsouse desde Carballo a gravación dunha canción co seu correspondente videoclip. Trátase dunha proposta da Mesa pola Normalización Lingüística promovida conxuntamente co concello carballés a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, e que contou coa colaboración do Coro Vagalume.

A partir da presentación, o videoclip será publicado en Youtube para que a el poida ter acceso todo o mundo e poida utilizarse para aprender a canción; usalo para felicitar os aniversarios a través das redes sociais; utilizar o vídeo en centros de ensino, ludotecas, festas, etc. Ademais, o Concello de Carballo distribuirao nas escolas infantís, centros de ensino e ludotecas do municipio.

A canción e o vídeo foron totalmente producidas en Carballo e por xente do municipio. A adaptación musical da popular canción Parabéns para ti é obra de Nanny Mouro. De poñerlle voz ao tema encargáronse Paula Fraga, como voz principal, e Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e Sara Pose nos coros. A canción gravouse nos estudios da Escola da Rúa. Da posta en escena para o videoclip encargouse o Coro Vagalume, coa participación de arredor de 40 nenos e nenas. A gravación e produción do vídeo é obra de Mamá Lola estudios. O videoclip gravouse na Biblioteca Rego da Balsa.

A presentación desta canción e do videoclip é aberta ao público e ten lugar este mércores 11 de febreiro, ás 19.00 h, na Biblioteca Rego da Balsa. A ela asistirán Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Carballo; e representantes do Coro Vagalume e de Mamá Lola estudios, ademais de nenos e nenas participantes no vídeo.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra