Unha campaña na rede pídelle á Xunta que facilite a lexendaxe e a dobraxe ao galego das series e filmes que ofertan as principais plataformas dixitais

Participan coa Mesa, nesta campaña, a Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (APRADOGA), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación (AGPTI) e mais a iniciativa Instagram en galego

Compostela, 5 de decembro de 2019.- Unha campaña na rede pídelle á Xunta de Galiza que facilite a lexendaxe e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, tal e como fan os gobernos éuscaro e catalán dende hai anos.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que “a Xunta debe favorecer o dereito ao acceso a contidos audiovisuais en condicións semellantes a outras linguas oficiais e cumprir coa obriga sinalada no artigo 20.1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 de fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega”. “Porén”, advirte, “a Xunta exclúe a presenza do galego ao non participar de acordos como os acadados polos gobernos vasco e catalán, que favorecerían a opción de galego nos lfilmes e series lexendados e, ademais, reduce cada ano a execución do orzamento para a dobraxe e non permite que os filmes xa dobrados se atopen dispoñíbeis no mercado”.

A campaña que desenvolven dende hoxe nas redes A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (APRADOGA), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación (AGPTI) e mais a iniciativa Instagram en galego recorda que Movistar+ ofrece desde 2015 a posibilidade de lexendaxe e de dobraxe de series e filmes en eúscaro e catalán. O custo que ten para os gobernos vasco e catalán que as series e filmes que emite Movistar+ teñan lexendado e dobraxe nas súas linguas é de 61.555,37 € ao ano, nun acordo a 3 anos por un total 184.666,13 €. Após un ano de exclusividade de emisión, os contidos poden ser xestionados directamente polos gobernos catalán e vasco, así como liberados para o seu uso en todas as plataformas.

En 2018, Movistar+ manifestou nunha resposta á Mesa a súa vontade de incorporar o galego a este acordo. Porén, non hai polo de agora nada que indique que o vaian facer, mentres o goberno galego non se implique para dispormos de dobraxe e lexendaxe en galego nas plataformas de televisión dixital. “Á pasividade da Xunta a respecto do lexendado”, insiste Maceira, “únese a falta de investimento en dobraxe que se reduciu significativamente nos últimos anos”. “A dobraxe e a lexendaxe permitiría o acceso en galego ás principais series e filmes”, remata, “Galiza conta cunha importante ferramenta para a difusión da dobraxe a outras plataformas dixitais: a CRTVG”.
A campaña, que comezou a difundirse hoxe mesmo nas redes sociais e que anuncia accións na rúa para as próximas datas, reclámalle á Xunta de Galiza: que se sume ao acordo con Movistar+ para o lexendado e a dobraxe dos filmes e series; que estableza acordos coas principais plataformas dixitais para a incorporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG; e que fixe unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.
Os datos: a oferta de catalán e eúscaro é posíbel grazas a un acordo con Movistar+ dos gobernos vasco e catalán respectivamente. O custe do acordo para o periodo 2014-2016 foi de 369.332,26€ partillado a medias entre a canle e cada goberno, polo que custe para cada goberno foi 21.250 en 2015, 85.000 en 2016 e 85.000 en 2017. Mediante este acordo Movistar+ realiza todas as xestións e disposición de medios para a criación e tradución da lexendaxe, resérvandose a opción de emitilos en primeiro lugar no primeiro ano. Tras ese periodo os gobernos poden dispor deles en plena propiedade e pólos adisposición para a súa distribución ou explotación por outras canles. (Máis información)

Recollida de sinaturas: https://www.amesa.gal/1/queremosgalegonatv

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra