A Mesa pola Normalización Lingüística

Unha doutora do SERGAS exixiu a familiares dun moribundo que non falasen en galego na súa propia casa

A Mesa reclama “unha investigación a fondo e medidas disciplinarias” e responsabiliza a Núñez Feijóo desta “maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica”.

“No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”, exixiu a doutora cando realizaba a atención no domicilio do paciente, en Oleiros.

A liberdade lingüística máis esencial é poder escoller que idioma utilizar na propia casa. Segundo denunciaron perante A Mesa e a Xunta os familiares dun ancián recentemente falecido, iso non foi así para unha doutora do servizo de emerxencias do SERGAS en Oleiros, que ao observar que nese fogar utilizaban o galego exixiu a un dos familiares: “No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”.

 

A Mesa reclama que o SERGAS responda a esta denuncia cunha “investigación a fondo e as medidas disciplinarias correspondentes” xa que se trata dunha “discriminación moi grave, non só no plano lingüístico, pois prodúcese nunha situación de especial vulnerabilidade”. Ademais, a maior asociación cultural de Galiza responsabiliza directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que haxa unha “maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica”, froito das “reiteradas mensaxes galegófobas do goberno”.

 

A Mesa reproduce a continuación o escrito de denuncia que entregou un familiar afectado perante a Xunta:

 

Quero presentar unha queixa contra a actuación dunha médico do servizo de urxencias sanitarias do Sergas por uns feitos producidos o día 29 de xuño de 2012 (a médico anotou o día 26/06/12). Segundo o parte que lles adxunto chámase Isabel Álvarez. Previamente a asinar este, negouse a se identificar por nome ou número de empregada.

 

O suceso tivo lugar […] no concello de Oleiros. Esta vivenda é propiedade do meu tío materno e a súa muller. Meu avó materno, que é o paciente identificado na “HISTORIA CLÍNICA DE EMERGENCIAS”, estaba a convulsionar e todo indicaba que ía morrer en breve. Con 89 anos, padecía un cancro de páncreas con metástase en fígado e ril esquerdo, e en sucesivas consultas de emerxencias no CHUAC polas complicacións da súa enfermidade, xa nos informaran reiteradas veces de que estaba en fase terminal.

 

Tras solicitar asistencia médica, presentáronse a médico identificada como “Isabel Álvarez” e dous homes, supoño que enfermeiros ou técnicos sanitarios. Recibinos eu mesmo e indiqueilles que meu avó estaba a morrer. Os tres entraron no domicilio e no cuarto en que el se atopaba. Na casa tamén estaban presentes meus pais e meus tíos. A médico comezou a dicir “sí, se está muriendo” e fíxenlle xestos para que falase en voz baixa, posto que tan só uns minutos antes meu avó dera sinais de ser quen de entender o que se lle dicía. Ela dixo “no escucha”, pero saíu fóra do cuarto e preguntou que medicación tomaba. Eu indiqueille que o máis relevante seguramente fosen uns parches dun derivado da morfina que nos deran para tratarlle a dor, e miña tía foi buscar os papeis onde tiña anotados o resto de medicamentos, que agás outro sedante en forma de comprimido, non tiñan relación co cancro. Ela dixo que se a situación se alongaba podía darlle algo máis para non prolongar o sofremento.

 

A médico dirixiuse a min novamente para me preguntar cando dera sinais de ter dificultades para respirar, e cando comecei a respostar cortoume dicindo “Hábleme en castellano”, ao que eu respostei “Como?”, sinxelamente porque non o agardaba. Ela respostou “Que si me puede hablar en castellano”. A miña resposta foi: “Non, e en todo caso sería eu quen lle podería pedir que me atendese en galego, pero non é o intre de falar diso”. Ela reaccionou erguendo a voz e dicindo de xeito chulesco “Mira, es que no te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano porque no soy gallega”. Eu resposteille dicindo que eu falaba como me daba a gana, que se traballaba aquí tiña que saber galego –posto que teño entendido que se esixe cando menos un certificado do CELGA para traballar no SERGAS–, e pedíndolle o seu nome ou número de identificación para pór unha queixa contra ela. A súa resposta foi dirixirse aos meus tíos e dicirlles case berrando: “Saquen a esta persona de aquí”. A resposta da miña tía foi que non me podían sacar de alí porque estaba na miña casa. Eu deille as costas, para evitar unha discusión absurda que puidese chegar a prexudicar a meu avó e achegueime á entrada do cuarto onde el seguía a afogar. Meus pais e tíos amosáronlle o listado de medicamentos que tomaba, mentres ela non lles facía caso e dicía “Debe estar muy nervioso, ¿no?” e outras cousas semellantes en vez de atender a situación. En minutos, meu avó morreu, antes de que se lle subministrase nada.

 

Considero que o feito de que unha empregada pública do Servizo Galego de Saúde esixa que empregue o castelán é unha vulneración moi seria dos meus dereitos lingüísticos. Coido que non foi honesta ao dicir que non entendía, pero tanto se realmente é así como se actuou por fanatismo ou odio contra o galego penso que non debería estar a traballar no SERGAS. O que si deixou moi claro é que estaba máis que disposta a aproveitar unha situación tráxica para tentar imporse, chegando ao extremo de pretender que se me afastase do leito de morte do meu avó.

 

Solicito a apertura dun expediente disciplinario contra esta persoa e que se lle apliquen as sancións que correspondan, posto que as circunstancias fan que a maiores dun ataque grave aos meus dereitos ligüísticos tamén se poida falar de danos morais graves. Podo presentar testemuñas do acontecido e querería ser informado das medidas adoptadas.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra