Noticias da Mesa

Unha empresa dependente do Ministerio de Industria nega atención en galego

Santiago de Compostela.- 27-05-2016. A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a empresa Llega800, que depende do Ministerio de Industria, nega a atención en galego. Un cidadán dirixiuse  á empresa para informar que recibía en malas condicións o sinal da TV. Llega800 contestou que o seu servizo era en castelán e: “Para unha mejor atención por nuestra parte nos gustaría conocer cúal es el motivo de su email en castellano”. A Mesa considera moi grave esta resposta pois a conclusión é que de empregarmos o galego teremos peor atención que en castelán.

A Mesa lembra que hai uns dereitos mínimos que a cidadanía ten legalmente garantidos na relación coas diferentes administracións

Neste sentido, alén doutra lexislación xeral como a Constitución española, o Estatuto de autonomía ou a Lei de normalización lingüística, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que promulga no artigo 35.d) o dereito “a empregaren as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira lembra que: “cando unha empresa resulta adxudicataria dunha concesión pública ten a obriga de respectar o réxime de oficialidade lingüística do mesmo xeito que o fai a administración, polo que non pode obviar que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza”. A lexislación especifica a obriga das empresas concesionarias de servizos públicos a respectar a oficialidade do galego, a “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na prestación dos seus servizos” e garantir que os cidadáns se poidan relacionar con elas e acceder aos seus servizos en galego. Así o fai, por exemplo, a Lei Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega.

Mostra de que queda moito por avanzar é que case todos os días chega á Liña do Galego, servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística para atender consultas, tramitar queixas e parabéns, unha queixa sobre a vulneración de dereitos lingüísticos.

Como xa sinalou a Mesa no informe da Liña do Galego do ano pasado: “É alarmante que quen ten obriga de garantir o respecto dos dereitos lingüísticos da cidadanía encabece a lista de queixas, sendo non só cómplice destas actitudes senón promotora directa.

Marcos Maceira resaltou que: “as empresas que traballan para a administración deben respectar a lingua de escolla do cliente. Cómpre insistirmos na necesidade de que as empresas contraten persoal con competencias lingüísticas en galego, o que xera postos de traballo, dignifica a nosa lingua e amósanos respecto como clientes”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis