Noticias Noticias da Mesa

Uxía estrea un videoclip colectivo de “A fala”, coa colaboración de Tanxugueiras e Faia, para desconfinar a lingua este 17 de maio

Queremos Galego anima a sociedade a saír á xanela, o Día das Letras ás 13h, e cantar este “A fala” como unha acción máis do desconfinamento da nosa lingua

Compostela, 15 de maio de 2020.- A cantora Uxía súmase á campaña do Día das Letras da plataforma cidadá Queremos Galego coa estrea na rede dun videoclipcolectivo interxeracional no que musica xunto ao brasilego Sérgio Tannus o poema “A fala” de Manuel María, que representa un canto de esperanza, de forza e de resistencia da nosa lingua, coa convicción da victoria da súa normalización. Queremos Galego anima a sociedade a saír á xanela, o vindeiro 17 de maio, ás 13h e cantar este “A fala” como unha acción máis do desconfinamento da nosa lingua, xunto coa exposición en xanelas e varandas da bandeira galega e de cartaces co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrece desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos.

A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, estende o convite a todas as persoas que queren a Galiza e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo, advertindo que “a súa normalización é necesaria para os avances sociais e democráticos”. As persoas usuarias das redes sociais poden participar partillando mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.

Uxía conta ao seu carón, neste novo vídeo musical, con voces femeninas emerxentes da nosa música tradicional que aportan frescura e enerxía: Tanxugueiras e Faia. No vídeo participan, ademáis, representantes do mundo do ensino e unha morea de axentes culturais de distintas disciplinas comprometidos coa lingua e coa nosa cultura, como Carlos Blanco, Rosalía Fernández Rial, Areta Bolado (A Panadaría), Patricia Vázquez, Mónica Caamaño, Lois Pérez, Tatán R. Cunha, Eladio Santos, Xoán Curiel ou Magín Blanco, aos que se unen artistas de Portugal, Brasil e Mozambique como Chico César, Ceumar ou Tinoca Zimba (Timbila Muzimba) nunha clara vocación de conexión coa lusofonía, como non podía ser de outro xeito no ano adicado a Carvalho Calero, firme defensor da lingua galega internacional. O tema orixinal, que cobrou unha nova vida ao engadirse coros e algúns instrumentos nestes días de confinamento, foi gravado en primeira instancia no auditorio da Casa-Museo do autor do poeta en Outeiro de Rei en 2015 no aniversario do seu nacemento, e está recollido no libro-disco Uxía canta a Manuel María (Fundación Manuel María, 2016).

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis