Noticias da Mesa

Vista para sentenza a demanda contra o Sergas por discriminación lingüística

A Mesa concentrouse no inicio do xuízo contra o SERGAS en apoio ao paciente que demandou o Servizo Galego de Saúde tras ter que agardar case dous anos unha operación por solicitar documentación en galego

 

Marcos Maceira: “Feixó debe asumir a súa responsabilidade como presidente da Xunta e garantir que ningún galego sexa discriminado por usar a nosa lingua, e moito menos por parte da propia administración”

 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2015.- A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta mañá perante os xulgados de Compostela en apoio ao paciente que demandou ao Servizo Galego de Saúde por vulnerar os seus dereitos lingüísticos tras ter que agardar case dous anos por unha operación polo feito de solicitar o consentimento informado en galego.

A demanda presentada contra o Sergas, cuxo xuízo ficou visto para sentenza na mañá de hoxe, estivo motivado pola dilación inxustificada e indebida nunha operación, que o Sergas retrasou máis de 16 meses polo feito de o paciente solicitar asinar o consentimento informado da mesma en galego. Esta foi a última dunha serie de vulneracións dos dereitos lingüísticos do paciente que se repetiron en diversos hospitais galegos entre 2010 e 2014 e que o levaron a presentar unha demanda contra o Servizo Galego de Saúde por discriminación lingüística reiterada.

A Mesa xa denunciou publicamente estas discriminacións ao longo deste período, e foi un dos casos de discriminación recollidos na denuncia presentada perante o Comité de Dereitos Humanos da ONU o pasado 25 de xuño en Xenebra.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que é un caso especialmente grave porque é a propia Xunta quen a través do Sergas vulnera os dereitos lingüísticos deste paciente, provocando unha dilación inxustificada e indebida na súa operación que tivo consecuencias prexudiciais para a súa saúde.

Maceira apelou á necesidade de que a Xunta, e nomeadamente o seu presidente Núñez Feixó, tome medidas para que este tipo de discriminacións non se volvan producir: “Que 30 anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística un paciente vexa retrasada unha operación por pretender exercer os dereitos que legalmente ten recoñecidos é un grave caso de discriminación por razón de lingua ante o que a Xunta de Galiza non pode ficar impasíbel”, manifestou Maceira, lembrando que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua”.

Neste sentido, A Mesa coincidiu coa letrada demandante en que resulta totalmente perverso que a administración pretenda facer escoller aos galegofalantes entre dous dereitos fundamentais como son o dereito á saúde e o dereito a usar a súa lingua, e a reiteración dos problemas para lle facilitar a documentación en galego a este paciente ao longo do proceso non se pode entender máis que como un intento de dobregar a súa vontade e facelo renunciar ao uso da súa lingua para poder operarse.

Desde A Mesa denuncian estes feitos como un inadmisíbel intento de coaccionar os cidadáns para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos, xogando cun tema tan sensíbel e fundamental como a saúde das persoas. “Se non saen máis casos á luz non é porque na maioría dos hospitais se respecten os dereitos lingüísticos dos pacientes –sinalan desde a maior asociación cultural de Galiza- senón porque esta é unha chantaxe terribelmente efectiva”, e salientaron que “as discriminacións lingüísticas son frecuentes nos hospitais galegos, e desde A Mesa hai anos que as vimos denunciando”.

_DSC1265 _DSC1281 _DSC1301

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis