Vodafone anuncia na súa conta oficial de Twitter que só atende chamadas en castelán

Vodafone recoñece que só atende aos seus clientes en castelán.

 A Mesa lembra que o dereito do consumidor a empregar a súa lingua non se garante se as empresas non o corresponden

 Marcos Maceira: “Exiximos á administración que actúe con contundencia para rematar con esta política empresarial de apartheid contra o galego que inclúe despedimentos no sector”

A Mesa viña rexistrando un alto número de queixas sobre o servizo de atención de Vodafone que incluía reprimendas, cortes de chamadas e ameazas con supostas multas polo uso do galego.  Esta vez, Vodafone recoñeceu esta actitude a través da súa conta de Twitter facendo público que a compañía só atende aos seus clientes en castelán independentemente de que o galego sexa un idioma cooficial.

Dende o twitter da Mesa estase impulsando dende esta mesma mañá o hastag #VodafoneOdiaOGalego o cal está tendo unha boa resposta dos seguidores que mostran a súa indignación respecto ao tema.

Ante as queixas nas redes sociais, a compañía telefónica respondeu que no número 22123 se podía presentar a reclamación en calquera lingua. A Mesa comprobou esta afirmación e tras sinalar o motivo da chamada na “política da empresa contra o galego”, recibiu como resposta que “Vodafone atende chamadas no extranxeiro”.

A Mesa lémbralle a todas as persoas que sufran este tipo de ataques ou desprezos por parte de calquera compañía, que o galego é lingua cooficial en Galiza e que segundo a Lei de Normalización Lingüísitica temos o dereito de empregala sempre. Casos coma este vulneran a lexislación como o artigo 46 da Lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias: “os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza”.

Porén, afirman da entidade en defensa do galego, este dereito non é correspondido polas compañías que, en casos como o de Vodafone, chegan a desprezar e recriminar o uso do galego a clientes ou mesmo cando son eles quen chaman.

“A Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deben de actuar inmediatamente ante casos coma este que violan dereitos fundamentais e mesmo contribúen aos despedimentos de traballadoras e traballadores galego que son quen mellor garanten os dereito a recibir atención en galego”, afirmou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

“É hora de que a Xunta actúe nestes casos, modificando a lexislación se é preciso, para que as empresas teñan a obriga de corresponder o dereito ao uso do galego”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra