Volve o Correlingua

Galego, todo o que buscas é o lema da edición 2012 desta marcha pola lingua.

Ademais dos clásicos concursos de Banda Deseñada e Manifesto, o correlingua conta cun concurso de vídeo e co Cantalingua no que o alumnado escolle o grupo que quer que actúe nos diferentes Correlinguas.

+ info en www.correlingua.org

Un ano máis chega o Correlingua. Outra vez para sumar un día máis na memoria dos adultos futuros que un día lembrarán que participaron nunha festa en que a música, o teatro, a maxia… falaban galego, un día en que se xuntaron con outros miles de mozos e mozas e percorreron as rúas da cidade ou da vila con franxas nas que reivindicaban o seu desexo de vivir en galego.

Para uns e unhas, o Correlingua é a data en que se festexa a lingua de todos os días, a da mai, a da avoa, a do mestre e a do tendeiro, a do regato e a do souto. E sen sabelo senten orgullo de ver como a lingua que algúns seguen considerando atrasada está na boca de todos e é obxecto de homenaxe.

Para outros e outras, a actividade será semente, como o foron para os adultos de hoxe as primeiras aulas en galego, os certames literarios do 17 de maio, as cancións de Fuxan os ventos… sementes que quedaron en nós e un día agromaron vizosas, decididas a estenderse ao redor de si.

Por iso desde a organización, a AS-PG, a CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, entendemos que o Correlingua é unha actividade extraescolar imprescindíbel, unha actividade necesaria para seguir sumando prestixio, espazo, uso.

Un ano máis convidámosvos a participar porque cómpre seguir reflexionando sobre a necesidade de estender o uso do noso idioma, porque queremos facelo dun xeito lúdico, porque os protagonistas teñen que ser as mozas e os mozos que manterán a lingua viva no futuro.

Nos últimos dous anos as Consellarías e Dirección Xerais que no seu día colaboraran co Correlingua deixaron de prestar o seu apoio, así a Secretaría Xeral de Política Lingüística que nin sequera recibiu os organizadores na pasada edición. Porén esta actitude non é novidade, senón coherencia coa actitude xeral que a Xunta de Galicia ten co noso idioma: ocultación, negación, ataque permanente.

A falta de apoio da Xunta non minguou en nada a actividade, que seguiu medrando na participación dos centros escolares e do alumnado. O Correlingua continúa co apoio de concellos e dalgunhas das Deputacións e  entre todas e todos podemos facer que a participación sexa aínda maior e será a mellor resposta para quen se nega a apoiar o noso idioma.

GALEGO, todo o que buscas!

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra