Noticias da Mesa

Xunta, Concello de Santiago e Consorcio deturpan a toponimia compostelá na rehabilitación da Curtiduría de Pontepedriña

A Mesa denuncia as agresións contra o patrimonio cultural das galegas e galegos que acometeron estas institucións e exixe a súa corrección inmediata

Marcos Maceira: “É vergoñento que a Xunta e o Concello de Santiago se dediquen a destinar diñeiro público para falsear e agredir o noso patrimonio cultural, do que a toponimia é unha das expresións máis xenuinas”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014. Máis de trinta anos despois de que a Lei de normalización lingüística recoñecese que a única forma oficial e correcta de denominar os nosos nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega, e que esa debe ser, a todos os efectos, a única forma de rotulalos, A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar máis unha agresión ao patriminio toponímico das galegas e galegos por parte das administracións públicas.

Segundo puido constatar A Mesa tras as denuncias recibidas de varias veciñas de Santiago, a Xunta, o Concello de Santiago e Consorcio están a deturpar a toponimia compostelá na rehabilitación da Curtiduría de Pontepedriña, onde nunha das fachadas rehabilitadas se colocou unha placa na que se le “Parroquia de San Juan. Lugar de Puente Pedriña de Arriba”. Estas placas nin sequera son as orixinais, posto que teñen o moi moderno logotipo do Consorcio de Santiago.

Desde A Mesa lembraron que nos últimos anos se están a multiplicar as queixas que reciben polo uso incorrecto de topónimos por parte do Goberno e das administracións e empresas públicas, cando tras máis de trinta anos de LNL debería ser unha cuestión superada, e denunciaron que esta nova vaga de deturpacións da nosa toponimia está motivado e impulsado ideoloxicamente desde os propios gobernos do PP, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos.

A Mesa considera especialmente grave que a propia Xunta, que ten a responsabilidade legal e moral de defender o patrimonio toponímico de Galiza, non só permita senón que financie este tipo de agresións. Neste sentido, desde A Mesa tamén chamaron a atención sobre o feito de esta rehabilitación estar financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ao tempo que vulnera o estabelecido tanto na Carta europea das linguas como na Carta Europea das minorías nacionais no referido á protección da toponimia galega.

Marcos Maceira salientou que “o diñeiro das galegas e galegos non se pode utilizar para financiar agresións ao noso patrimonio”, indicando que non é de recibo que as administracións públicas se dediquen a colocar sinaléctica que non respectan a lexislación. “A Xunta e o Concello de Santiago non poden destinar diñeiro público a falsear e agredir o noso patrimonio cultural, do que a toponimia é unha das expresións máis xenuinas”.

A Mesa dirixiuse a estas institucións solicitándolles a inmediata corrección destas deturpacións, ao tempo que presentou as pertinentes reclamacións perante o Valedor do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que interveñan.

A entidade en defensa da lingua volveu criticar a “pasividade vergoñenta da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”, por  “incumpren tamén a súa obriga legal de protexer o noso patromonio toponímico”. Neste sentido Marcos Maceira pediu ao secretario xeral de Política Lingüística que explique á sociedade galega que está a facer para garantir que se cumpra Lei de normalización lingüística nalgo tan básico como que nos chamen polo noso proprio nome: “Situacións como estas en que a propia Administración se nega a chamarnos polos nosos propios nomes evidencian a falta de respecto que nos teñen como sociedade”, sinalaron desde a Mesa.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis