Noticias da Mesa

“Xustiza para o galego, xustiza poética”, por Susana Méndez

A vicepresidenta da Mesa e coordinadora da xestora de Queremos Galego publica un artigo en Sermos Galiza sobre as sentenzas do TSXG en relación co decretazo contra o galego.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

“Xustiza para o galego, xustiza poética”

As reaccións á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de emitir, anulando unha parte central do Decreto chamado “do plurilingüismo”, non se fixeron agardar, nin por unha banda, nin pola outra. Unha sentenza que non fai senón dar a razón a quen defendemos, sinxelamente, a normalidade para a nosa lingua, a normalidade de poder empregala onde for sen resultarmos criminalizad@s, a normalidade de que as crianzas galegas poidan coñecela e falala sen que se lles impida, dun xeito ilexítimo e sibilino, o acceso á súa aprendizaxe, ou, mellor dito, o acceso á súa adquisición como lingua propia que é.

Tamén eu vou reaccionar. Non sei se resulta de xustiza poética o ditame do TSX, mais dáme que a algún galegófobo conselleiro (ou debería dicir ex-conselleiro?), e mesmo a algún presidente en funcións non lle había sentar moi ben a tal resolución. Porque, teñámolo claro, este decretazo contra o galego non foi froito da casualidade, nin do interese desmedido do PP por fomentar outras linguas, nomeadamente o inglés, nin dunha lexislación previa que estivera a resultar conflitiva. Se esta norma imposta contra a opinión da grande maioría social e de practicamente toda a comunidade educativa deste país chegou a ver a luz da vixencia legal foi porque axudaba a cumprir un obxectivo que estaba (e está) na mente de Anxo Lorenzo, de Jesús Vázquez Abad, de Alberto Núñez Feijóo, na mente colectiva dun goberno antigalego como nunca outro houbo. E ese obxectivo, teñámolo claro tamén, era aniquilar, eliminar a presenza do galego na escola, pois ben se coñece que é na primeira infancia cando se asentan as bases sobre as que se cimentará o futuro, e é na escola onde esa infancia recolle, “absorbe”, coñecementos mais tamén conciencia e hábitos de comunicación. Se o fin último do goberno do PP é extirpar canto de galego hai en Galiza (españolizar, que diría o señor Wert) tiñan que empezar polo lugar onde se forman e educan @s futur@s habitantes desta terra. E así o fixeron.

Pois ben, agora que tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de lle lembrar ao goberno do PP que, malia que lles pese, existe unha lingua, a galega, propia da Galiza, que está en franca desvantaxe fronte á lingua allea, o español, e que para superar a minorización á que se ve sometida é preciso unha política lingüística de fomento e promoción do galego, o cal non era precisamente o que estaba recollido neste decretazo, agora, digo, penso, o goberno do PP terá tomado boa nota, procederá a derrogar o decreto e restablecer o consenso existente previamente en torno á normalización da lingua galega e á presenza do galego no ensino. É de xustiza.

Igual peco de ilusa cando isto expreso. Sobre todo despois de ver as reaccións iniciais da Consellaría de Educación ou de Alberto Núñez Feijóo. Tamén peco de ilusa sabendo que, malia que desta volta se fixo xustiza para o galego, o galego na Xustiza é materia pendente. Non hai máis que lembrar que o vindeiro día 30 o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística será xulgado simplemente por preguntarlle ao xuíz Fraga Mandián (quen se gabou de non importarlle empregar o topónimo ilegal *La Coruña) qué outros preceptos normativos non lle importaría incumprir. Pois si, igual peco de ilusa, seguramente como todas esas persoas que saíron á rúa e se mobilizaron contra o decretazo que o TSX ven de botar abaixo en grande medida. Mais a miña ilusión e a de toda esa xente, a nosa ilusión, non foi en balde.

Desta volta, fíxose xustiza para o galego, ben o sabemos. Xustiza para o galego, si, mesmo xustiza poética. Porén, inda hai moito camiño por andar, moita normalidade que acadar, moitos espazos que recuperar. Xustiza para o galego, e galego para a Xustiza. Non perdamos a ilusión e as gañas de facelo posible.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis