Caxer Carpintería é unha empresa de fabricación de madeira situada na Coruña, que se dedica a facer traballos de moi diverso tipo en madeira (mobles de cociña ou baño, portas, ventanais, armarios, escaleiras, pasamáns…), ademais de facer reformas e restauración de casas antigas
Caxer Carpintería (www.caxercarpinteria.com) é unha empresa familiar, dirixida por Yolanda e Miguel. Neste momento ademais deles dous traballan tres persoas na empresa, xunto con outros autónomos que tamén colaboran coa empresa. Caxer incorpórase esta semana a Abertos ao Galego, pois realizan toda a súa actividade no noso idioma e consideran que é moi positivo que as persoas e colectivos que apoian o galego busquen xeitos de colaborar. Yolanda e Miguel son galego falantes habituais, polo que a elección da lingua para a súa empresa sempre estivo clara. De feito, procuran que os seus traballadores sexan persoas capaces de desenvolverse en galego, ademais de que toda a documentación interna e externa (quitando a que elabora para eles a xestoría coa que traballan) de Caxer está integramente na nosa lingua.
Caxer naceu hai agora dez anos, co obxectivo de ofertar produtos de calidade aos seus clientes. Contan con fabricación propia de madeira e a súa filosofía de traballo é adaptárense ás necesidades dos seus clientes, cos que procuran establecer relacións estreitas que lles permitan coñecelos mellor.
Caxer fabrica unha gama moi ampla de pezas para calquera tipo de fogar. Entre os produtos que fabrican hai portas, armarios, cociñas, tarimas, parqués, mobles de baño, ventanais, porches, pérgolas, escaleiras ou pasamáns. Ademais, dedícanse a facer reformas integrais de vivendas, proxectos e deseños en 3D e restauran casas antigas. Deixámosvos unha pequena galería con mostras do seu traballo.