A Mesa pola Normalización Lingüística

Nova incorporación a Abertos ao Galego: Casa de Xantar A Tafona, en Santiago de Compostela

Cociña de calidade con produtos de mercado e galegos na rúa da Virxe da Cerca de Santiago de Compostela nun edificio de 1920 rehabilitado en 2004 e a poucos metros do Mercado de Abastos

Os cociñeiros e responsábeis da Tafona son Lucía Freitas (que ten formado parte da cociña de restaurantes como  como Celler Can Roca, O Bohí ou, Mugaritz e Tápies) e Nacho Tierno (que completou a súa formación no restaurante L’Alezna onde comeza de axudante en prácticas para continuar como segundo de cociña e man dereita do cociñeiro Pedro Martino). Lucía e Nacho abriron A Tafona en 2009, apostando polos produtos de calidade e galegos sempre que for posíbel. Aprovéitanse todo o que poden da súa proximidade co Mercado de Abastos, mais tamén teñen unha horta propia, da que saen parte dos produtos da súa cociña.

 

A Tafona dispón dun menú por 15€ que se pode consultar semanalmente no seu Facebook e que teñen a disposición dos clientes e clientas de luns a venres a mediodía, mais tamén é posíbel elexir á carta.

 

A Tafona participou en varias ocasións no concurso Santiago(é)Tapas, con grande éxito das súas propostas, pois a maior parte das veces foron premiados nalgunha das categorías. Na edición de 2012 levaron o Primeiro Premio do xurado coa súa tapa Ravioli de boi. En 2011 obtiveron o Premio do Público con Torrada con xeado de crema de augardente e en 2010 levaron o segundo premio con Queixo con marmelo. No ano 2009, só tres meses da apertura do restaurante, gañaron o Primeiro Premio do xurado coa tapa Papada de Porco, cigala e limón.

 

O galego é unha das marcas de distinción da Tafona, pois aínda que non é a súa lingua habitual, Lucía e Nacho decidiron que si fose a lingua da Tafona. A súa carta está en galego (tamén en castelán) e a súa páxina web (www.restauranteatafona.com) só ten versión en galego.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra