A Livraria Suévia, no bairro coruñés da Agra do Orzán, é a incorporación máis recente a Abertos ao Galego. Esta libraría está aberta desde o mes de decembro
A Livraría Suévia (na rúa Vila de Negreira, 32, na Coruña) leva apenas aberta unhas semanas, mais acaba de incorporarse a Abertos ao Galego. Especializada en libros galegos e portugueses, recollen encomendas de todo tipo de obras, e ademais poñen á disposición dos seus clientes música galega e portuguesa, xoguetes educativos en galego e outros produtos vinculados á cultura galega, como camisolas de OZOCOgz (tamén membro de Abertos ao Galego) ou o novo CD do grupo coruñés Os da Ría.
Na Livraria Suévia tamén é posíbel atopar prensa de todo tipo e artigos de papelaría, o que fai que a súa clientela se compoña tanto de veciños e veciñas do bairro como de persoas que procuran algún produto máis concreto. O feito de ter á venda a prensa diaria fai que o seu horario de apertura sexa amplo, pois ademais de estar aberta durante a semana, tamén o está sábados e domingos de mañá.
A responsábel da libraría, Ermitas Valencia, quere que Suévia sexa unha referencia en canto a produtos vinculados á lingua e cultura galegas, polo que fai un esforzo por traer á libraría obras de interese, tanto pola súa actualidade como pola súa importancia.
Ademais, na Livraria Suévia organizan tamén actos públicos, como presentacións de libros. O pasado sábado presentaron o novo libro de Séchu Sende e tamén teñen no calendario novos actos de presentación, como o do próximo día 23 de xaneiro, que acollerán a presentación do libro de Concha Rousia Nântia e a Cabrita d’Ouro.