Lúcete Lecer, unha empresa de Ourense especializada na xestión do lecer de calidade
Lúcete Lecer (http://lucete.info/) son Carolina, Millán e Sergio. Son tres socios moi novos mais con moita experiencia en organización e xestión de actividades de lecer de moi diverso tipo, que decidiron montar a súa propia empresa. A súa idea é o aproveitamento do tempo libre dun xeito saudábel, co obxectivo do desenvolvemento integral da persoa, o coidado da natureza e a diversión como eixo sobre o que xiren todas as actividades.
Apóianse nun grupo moi amplo de monitores/as, directores/as, educadores/as sociais, pedagogos/as, adestradores/as, con moitos anos de experiencia nos seus ámbitos de especialización.
Organizan actividades tanto para rapaces como campamentos urbanos e de traballo, actividades extraescolares, excursións para centros de ensino, animacións e xogos para eventos (aniversarios, congresos, celebracións…), actividades de voluntariado, xogos de rol, proxectos de intervención socio-educativa, concentracións deportivas, actividades para a potenciación do deporte, etc.
Un exemplo das actividades que organizan é o máis recente: o campo de traballo social de Celanova deste ano. Nesta actividade, baixo o lema “sé o cambio que queiras ver no mundo” participan rapaces e rapazas procedentes de lugares moi diversos (Italia, Francia, Brasil, México e España), con traballos na residencia de persoas de xuventude acumulada, visitas a Celanova e o entorno, sesións de xogos tradicionais galegos, actividades deportivas, etc.
Neste momento preparan as actividades extraescolares para este curso (se vos interesa, podedes contactar con eles en información@lucete.info) e tamén algunha novidade máis da que vos falaremos máis adiante.
A respecto do galego, para Millán, Carolina e Sergio é unha escolla natural, pois é a súa lingua habitual, así que non entendían outra forma de comezar como empresa. Por outra banda, están convencidos de que o galego é un valor engadido para calquera empresa, unha marca de calidade.